Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2024. Dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Monforte programa para este xoves 22 de febreiro ás 20:15 no Edificio Multiusos a posta en escena da obra para adultos Entrega en man, da compañía Contraproducións,obra escrita por Martin McDonaghl, dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja e Diogo Sales.
O prezo da entrada xeral para esta obra é de 5 euros e de 3 para desempregados, xubilados e estudantes.
Sinopse
Na cotrosa habitación dun cutre hotel dunha pequena e anónima vila americana, un home maduro e excéntrico ofrece unha recompensa por recuperar a man que, nun acto de cruel e gratuíta violencia, lle cortaron 27 anos atrás e que, desde aquela, leva buscando sen descanso.
Un xoven negro e a súa fermosa e branca moza pretenden enganalo ofrecéndolle unha man que, loxicamente, non é a súa. O estraño recepcionista do hotel entremétese e pon en risco a insólita transacción.
Unha comedia louca e denegrida na que, da man dun humor mordaz e corrosivo, zumega o tema do racismo, o machismo e a xenofobia.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Que din as rumorosas da compañía Artyc Content que terá lugar o xoves 7 de marzo no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.