Monforte de Lemos, 4 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou o pasado luns 1 de xullo o Palacio de Las Dueñas, tras o convite expreso de D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, XIX Duque de Alba e XXIII Conde de Lemos, durante a súa visita a Monforte a pasada fin de semana.
A visita do Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, produciuse durante o transcurso da Comisión de Deputacións, organizada pola Federación de Municipios e Provincias de España (FEMP) en Sevilla, un encontro que agrupou aos representantes dos gobernos provinciais e insulares de toda España e onde se constituíu a Subcomisión Permanente da Comisión, da que forma parte o mandatario provincial lucense.
O Alcalde puido facer un oco na súa apretada axenda para visitar as dependencias do Palacio de Las Dueñas, que é unha das tres residencias emblemáticas e históricas da Casa de Alba en España, xunto ó Palacio de Liria en Madrid e o Palacio de Monterrey en Salamanca.
José Tomé, que estivo acompañado por persoal do Palacio de Las Dueñas, puido coñecer as principais dependencias do Palacio, que é unha mestura de arquitectura gótico-mudéxar e renacentista, e apreciar o importante patrimonio artístico e cultural que alberga.