O Alcalde supervisa as obras de mellora da rúa Santiago, que optimizará as comunicacións coa rúa Chantada

Monforte de Lemos, 24 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca supervisou as obras de mellora que se están a acometer nunha das vías urbanas da cidade, a rúa Santiago, no Barrio do Casar, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada.

Neste senso, José Tomé, subliñou que esta acción enmárcase dentro da “miña folla de ruta como Alcalde, pois dende 2015 acometemos a mellora do urbanismo da nosa cidade, e por iso nestes últimos 9 anos transformamos todos os barrios de Monforte”.  De feito, “a rúa Santiago era case a única rúa periurbana sen asfaltar”.

Para poder levar a cabo as actuacións de rexeneración do firme de dita rúa así como a aliñación da mesma, o Concello adquiriu previamente os terreos necesarios para tal fin.

O proxecto de mellora da rúa Santiago, conleva a reposición do seu firme nun tramo de 340 metros lineais por 5,97 metros de ancho medios, o que supón unha superficie total de 2.030 metros cadrados. 

A este proxecto o Executivo de José Tomé destinou un orzamento de  51.653,11 euros. A obra foi adxudicada á empresa Francisco Gómez y CÍA SL, por un importe de 47.674 euros.

 

Mellora e aliñación da rúa Santiago

O proxecto afecta a unha lonxitude de 340 metros lineais, cun ancho medio de 5,97 metros, o que supón unha superficie total de actuación de 2.030 m2.

No tramo central onde a vía é máis estreita, existe un peche dunha parcela que se mete dentro da aliñación que definen os outros peches. Por iso, previo ó inicio das obras, o Concello de Monforte, procedeu a regularizar esa aliñación, ocupando parte desa parcela, en concreto 32 m² de superficie. Para iso, ademais, procederase á demolición do peche actual e á construción dun novo.

É necesario, así mesmo proceder ao fresado do entroncamento inicial e unha zona na parte central, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente.

Na parte final, antes do entroncamento coa rúa Chantada, procederase a rebaixar a rasante da vía uns 10 centímetros para evitar a entrada de auga en varias entradas de garaxes alí existentes.

Tamén, na zona central, onde existe un cruzamento dunha acequia de regadío, é necesario proceder a colocar unha laxa de formigón sobre esa acequia (na zona onde non existe) e dúas ramplas a ambos os dous lados para favorecer o paso sobre a mesma.

Así mesmo, procederase á apertura de caixa e recheo de zahorra compactada. Por último, procederase á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente, co posterior recalce das tapas existentes.

 

Execución das actuacións

As obras que se están a realizar consisten nas seguintes accións:

  • Apertura de caixa para firme con motoniveladora.
  • Compactado e perfilado de caixa.
  • Escavación en desmonte e provisión todo tipo terreo.
  • Fresado de firme de mestura bituminosa en quente, firme granular asfáltico ou formigón, ata un espesor de 5 cm., mesmo varrido e retirada de produtos sobrantes a entulleira.
  • Base de saburra artificial compactada.
  • Asfaltado do firme a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor, medido unha vez estendido e compactado, mesmo rega de adherencia con 1 Kg de emulsión tipo ECR-2, incluíndo regularización ou bacheo previo nos puntos onde fora necesario.
  • Recalce de tapas de rexistro con dados de formigón.
  • Pintado de marca viaria continua / descontinua reflexiva de 12 cm.
  • Demolición de peche de bloques, columnas e malla e escavación mini-retro en gabias terreo duro.
  • Instalación de contención a través de bloques tipo Castela liso branco 2 caras vistas e malla galvanizada de simple torsión 50/14 de 1,50 m., con columnas de formigón 15 x 15 centímetros. Levantado e recolocación de porta en peche.