Monforte de Lemos, 8 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a benvida a Monforte ós asistentes do XI Encontro de Xubilados e Pensionistas de UGT Galicia. No acto estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada.
O acto de recepción tivo lugar na mañá de hoxe no Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela e nel participaron xubilados provintes de todas as delegacións de Galicia, estimándose unha participación de arredor de 500 persoas.
Deste xeito, ás 11.00 h deron comezo as intervencións institucionais, nas que o Alcalde deu a benvida ós asistentes, animounos a descubrir Monforte e á Ribeira Sacra, agradeceu ós organizadores que escolleran Monforte para celebrar este XI Encontro, e destacou o importante impacto socioeconómico e turístico que esta xuntanza ten para a cidade e para a Ribeira Sacra.
José Tomé tamén destacou a condición de Monforte como cidade Condal, e recordou a histórica visita que realizará a finais deste mes de xuño a Monforte D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba.
No acto, ademais do Alcalde, interviñeron o Secretario Xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez Gómez, o Secretario de Políticas Sociais UJP-UGT, Dimas del Mazo, o Secretario Xeral de UGT Lugo-Lemos e Costa, Ángel Tomé Roca, a Secretaria Xeral UXP Lugo-Lemos e Costa, Mª Dolores Vieiro e o Secretario Xeral UXP UGT Galicia, Valentín Tato. Tamén estivo presente, entre outros, o Secretario General de UJP-UGT.
Os arredor de 500 asistentes acudiron a Monforte dende as diferentes delegacións coas que UGT conta en Galicia, entre outras, Vigo, A Coruña, Cee, Compostela, Barbanza, Ferrol, Pontevedra, Arousa, Deza, Ourense, Valdeorras, Verín, Lemos, Lugo ou A Mariña.
No transcurso do acto, foron homenaxeados afiliados de UGT que teñen máis de 90 anos. O Alcalde fixo entrega dunha peza de Sargadelos con motivo desta homenaxe.
Rematados os actos do Pavillón de A Pinguela, tivo lugar unha visita ó centro histórico da cidade, e a xornada continuou cun xantar de confraternidade no Pavillón polideportivo Doutor López Suárez.
O Concello entregou un agasallo institucional ós asistentes, para o que o Concello de Monforte doou 500 bolsas de papel personalizadas coa imaxe da cidade e a Ribeira Sacra, unha Guía turística oficial de Monforte, e a Guía do Peregrino do Camiño de Inverno a Santiago, que tamén edita o Concello e distribúe dende a Oficina municipal de Atención ó Peregrino.
Os organizadores da xuntanza agradeceron ó Alcalde e á Tenente de Alcalde a estupenda organización do evento.