Monforte de Lemos, 28 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ratificou este luns en Ourense o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial ante o embaixador de España na UNESCO, Miquel Iceta. O mandatario local e provincial reuniuse co representante da Organización das Nacións Unidas no marco do congreso Fontes que ten lugar estes días no Parador de Santo Estevo en Ribas de Sil co obxectivo de impulsar a candidatura.
José Tomé lembrou a implicación total tanto do Concello de Monforte, que é Capital da Ribeira Sacra, como da institución provincial desde o primeiro na consecución desta distinción internacional. Recordou que foi a propia Deputación, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, a que liderou no ano 2011 unha campaña de mobilización institucional e social coa que recolleu máis de 40.000 firmas.
O rexedor monfortino valorou positivamente a reformulación do proxecto en torno á auga, amosando o seu apoio á proposta e pedindo seriedade e rigor á Xunta de Galicia no seu labor de amosala e difundila, “porque se trata dunha proposta elaborada polo Goberno galego e non queremos que pase como hai uns anos, que o ICOMOS se pronunciou en negativo porque non se fixeron ben as cousas”. Destacou tamén como aspecto “moi positivo” que a Ribeira Sacra sexa no 2026 a única candidata de España a Patrimonio Natural.
Agora mesmo, o expediente do novo proxecto está en tramitación e está previsto que en febreiro do ano 2025 se entregue o informe ao Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO; para setembro ou outubro do ano que vén sería a visita de inspección; e o comité reunirase previsiblemente a mediados do ano 2026 para tomar unha decisión.
Neste congreso Fontes, especialistas culturais e investigadores en bens patrimoniais reúnense hoxe e mañá en Nogueira de Ramuín para afondar na xestión e nos retos dos espazos que contan con esta distinción co obxectivo de promover estratexias de colaboración entre os diferentes actores relacionados coa candidatura.