O Alcalde preside a Mesa de Seguridade da romaría do San Mateo, que terá lugar o sábado 21 na parroquia de A Parte

Monforte de Lemos, 11 de setembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na mañá de hoxe a Mesa de seguridade na que se perfilou o dispositivo organizativo da romaría do San Mateo, que terá lugar o sábado 21 na parroquia de A Parte.

Na xuntanza, o Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, o inspector da Policía Local, Miguel Martínez, Inspector e Xefe Accidental da Comisaria Nacional de Policía de Monforte, Celso Dacal Vázquez, o Inspector e Xefe de Seguridade Cidadá da Comisaria Nacional de Policía de Monforte, Óscar Fernandez Prieto, o Tenente e responsable de Seguridade Cidadá da Garda Civil de Monforte, Francisco Javier González Fernández, o Sarxento do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Monforte, Carlos Raúl Sánchez Álvarez, o xefe de bombeiros, Tomás Losada, o xefe de Axentes da Cidadanía do Concello, Manuel Fernández, e o Técnico de Medio Ambiente do Concello, Juan Carlos Prado.

“O obxectivo” destaca o Alcalde, “é que a romaría e festa se celebren coa maior tranquilidade e seguridade posibles, e para iso dende o Concello coordinamos un dispositivo no que contamos coa colaboración dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ademais de persoal municipal e da Policía Local”.

Así, no dispositivo deseñado dende o Concello participarán, coordinados pola Policía Local, outros Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, así como persoal colaborador municipal de Servizos á Cidadanía.

Cómpre destacar que o dispositivo inclúe unha ambulancia contratada polo Equipo de Goberno, por se fose preciso atender a algunha persoa.

O sábado 21 de setembro, a parroquia de A Parte acollerá numerosos visitantes e, por ese motivo, na xuntanza acordouse establecer un único sentido de circulación na estrada de acceso ó campo da festa, con entrada dende a parroquia de Valverde e saída pola estrada do canal de regadío e Reigada. A zona estará sinalizada e haberá un control de tráfico permanente.

 

 

Axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e persoal do Concello no campo da festa

O dispositivo de seguridade estará dirixido pola Policía Local, que contará coa colaboración da Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico.

Os axentes da Garda Civil vixiarán as saídas e as entradas ó lugar da romaría. Ademais, a Policía Local velarán pola seguridade do recinto da festa e dos seus arredores; tamén haberá efectivos da Policía Nacional. Neste senso, durante toda a xornada haberá unha patrulla tanto da Policía Nacional como da Policía Local permanentemente no espazo do evento.

Polo que respecta á noite previa á celebración da romaría haberá unha patrulla da Policía Nacional con presencia reiterada na zona.

Todos estes axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado presentes na festa,  contarán coa colaboración do persoal de Servizos á Cidadanía do Concello de Monforte.

Por outra parte, xa o día anterior, o Concello dotará o recinto da festa de varios contedores para que a xente poida depositar neles os residuos xerados durante a celebración.

Esta Romaría do San Mateo, é a última das actividades do Concello de Monforte incluídas dentro do programa do Verán Cultural.