Monforte de Lemos, 2 de abril de 2024. Como é tradición, hoxe, Martes de Pascua, volvéronse a celebrar os actos das honras á Virxe de Montserrat, sendo día festivo en Monforte.
Desta forma, a comitiva institucional, encabezada polo Alcalde, José Tomé Roca, así como diversos membros da Corporación municipal, representantes institucionais, e dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado, partiu da Casa do Concello para asistir, ás 11 horas, á misa na honra da Virxe de Montserrat, na Igrexa de San Vicente. Esta igrexa volveu así a acoller os actos litúrxicos do Martes de Pascua, logo das importantes obras de restauración que se levaron nela a cabo dende o Goberno de España, a petición do Alcalde monfortino.
A eucaristía foi presidida polo Vicario de Pastoral do Obispado de Lugo, D. Luis Manuel Rodríguez Pérez, e polo párroco monfortino D. Rafael Mella e contou, como é tradición coa presencia das Camareras da Virxen, así como dos membros da súa cofradía.
Tras a celebración eucarística, tivo lugar unha procesión coa imaxe d Virxe polo atrio da igrexa de San Vicente do Pino, dado que as condicións climatolóxicas non permitiron baixar ata o Campo da Virxe, tal e como marca a tradición.
Posteriormente, diante do pórtico principal da igrexa, o Alcalde de Monforte renovou os votos coa Patroa da cidade, comprometéndose a manter tanto a celebración do Martes de Pascua como a do día 15 de agosto na honra da Virxe de Montserrat, e procedeuse á bendición dos campos.
“Dende que eu son Alcalde, comprometinme a manter esta importante tradición dos monfortinos e monfortinas na honra á nosa Patroa, a Virxe de Montserrat, e deste xeito, hoxe Martes de Pascua, mantivemos esta centenaria tradición na que renovei os meus votos e comprometinme a seguir celebrando tanto este día como o 15 de agosto, no que honramos a nosa patroa”, manifestou o rexedor monfortino.
Nos actos do Martes de Pascua, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Cultura, Marina Doutón, Servizos, José Luis Losada, de Deportes, José Manuel Mougán, de Consumo, Regina López, e de Muller e Igualdade, Margarita López, así como diversos membros da Corporación municipal, o Inspector Xefe da Policía Local de Monforte, Miguel Martínez, e o oficial Néstor Álvarez e o Inspector Xefe do corpo de Policía de Monforte, Pablo Fernández.
Tamén asistiron diversas autoridades do eido provincial como a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a Secretaria Territorial da Delegación da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, o Alcalde de Sober, Luis Fernández, ou Julio Padilla, entre outros.