O Alcalde presenta o Programa Activa 2024-2025, con máis orzamento, máis prazas e máis días de actividade para os veciños e veciñas de Monforte

Monforte de Lemos, 9 de setembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde de Monforte,  Gloria Prada, e pola coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa a posta en marcha dunha nova edición do Programa Activa, para a tempada 2024-2025.

“Como cada ano, dende que son Alcalde desta cidade”, explicou José Tomé, “ideamos e desenvolvemos este Programa Activa pensando especialmente nos nosos maiores, porque é un dos colectivos que necesita de actividades que lle proporcionen un envellecemento activo e saudable.”

“O Programa Activa, para este Equipo de Goberno, é un dos principais compromisos adquiridos na nosa acción de goberno e ademais somos coñecedores das ganas que teñen os cidadáns e cidadás de Monforte de que este programa dea comezo”.

Neste senso, a mostra do compromiso do Executivo de José Tomé co  Programa Activa, é que nesta edición incrementase a súa partida orzamentaria en 6.000€, alcanzando así os 56.000€, para atender á demanda existente, que crece debido ó éxito que ano tras ano ten este programa, e que o ano pasado contou coa participación dunhas 500 persoas. Tamén anunciou o Alcalde que “incrementaremos a súa partida para o ano 2025”.

O prazo de inscrición tanto para actividades no Centro Cívico como nas parroquias permanecerá aberto dende este mércores 11 e ata o venres 27 de setembro, ambos incluídos.

As actividades comezarán o 14 de outubro, e se estenderán ata o 12 de xuño, cun total de 9 meses de actividade

 

Obxectivos

José Tomé explicou que os obxectivos que se marca este Programa Activa, dirixido ós veciños e veciñas de Monforte son, “por unha banda, promover o envellecemento activo e, por outra, mellorar a calidade de vida das persoas maiores”.

Segundo os datos do padrón municipal de agosto de 2024 o índice de poboación de persoas de máis de 55 anos no Concello de Monforte é do 44,35% respecto da poboación total. Cómpre salientar que 5.646 persoas veciñas son maiores de 65 anos, sendo o colectivo máis predominante de 55 a 79 anos.

“Polo tanto, é un programa especialmente dirixido a estas franxas de idade, cun dobre obxectivo: favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos adultos maiores, promovendo o seu benestar psicosocial, fomentando a participación social, habilitando espazos de encontro interxeracional, evitando o illamento e as situacións de soidade, e dinamizando as nosas parroquias rurais” subliñou o Alcalde monfortino.

En concreto, búscase promover o benestar bio-psico-social das persoas maiores, promover a socialización e a participación social, habilitar espazos de encontro interxeracionais, evitar as situacións de illamento e soidade das persoas maiores, e dinamizar as zonas rurais do Concello.

No Programa Activa dáse prioridade de participación “ós maiores de 55 anos, que son os que máis precisan deste tipo de actividade para volver á normalidade, e gozar dunha vida máis saudable e independente. Desta forma saen de casa, socializan e se atopan máis activos e independentes” sinalou o Alcalde. Como en edicións anteriores, tamén se ofertarán actividades interxeracionais, dirixidas a persoas maiores de 16 anos.

 

Máis novidades do Programa Activa 2024-25

Unha das principais novidades do programa deste ano é o Obradoiro interxeracional que leva por nome “Av@s 3.0”, un taller no que queremos que participen os avós e avoas cos seus netos e netas, e promover nel o intercambio  interxeracional de coñecementos a través de espazos común de convivencia entre ambos. Por exemplo, un neto pode ensinar ó seu avó a como usar un móbil. A previsión será celebrar este obradoiro en Nadal.

Será tamén novidosa a Charla que desenvolveremos arredor do envellecemento activo ou o Taller de alimentación saudable dirixido a persoas maiores, que serán impartidos especialistas nestas materias.

Tamén se organizará a Andaina “Raíces” pola contorna de Monforte e os seus arredores, para xerar eses espazos de convivencia tan necesarios para nosos maiores.

“En canto ás actividades ofertadas, mantemos, como cada ano as que son as máis demandadas polos veciños e veciñas, que así nolo indican na enquisa que fan ó final de cada tempada”, resaltou o Alcalde. Este ano como novidade, incorporamos ó programa Taichi e Cerámica e tamén reforzaremos o número de prazas en Ximnasia de Mantemento.

Como en anos anteriores, todas as actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, e están subvencionadas ó 100% polo Concello monfortino.

 

Actividades no Centro Cívico e nas Parroquias

Polo que respecta ó CENTRO CÍVICO, o Concello destina un total de 379 prazas, que son 26 máis que na edición anterior, distribuídas en 21 grupos, 3 máis que en 2023.

As actividades a desenvover no Centro cívico agrupanse en dous bloques segundo a idade dos participantes:

  • Dirixidas a persoas maiores de 55 anos, que teñen como obxectivo principal promover o envellecemento activo das persoas maiores.
  • Dirixidas a persoas maiores de 16 anos, que teñen como obxectivo principal posibilitar espazos de encontro interxeracional.

A oferta de actividades neste Centro Cívico é a seguinte:

  • Ximnasia de mantemento para maiores
  • Taichi
  • Ioga
  • Conservando a memoria
  • Competencias dixitales para uso cotián con 3 niveis: iniciación, intermedio e avanzado.
  • Informática básica
  • Cerámica
  • Manualidades
  • Costura básica
  • Costura creativa
  • Baile Caribeño, con 2 niveis: iniciación e perfeccionamiento.
  • Bailes de Salón

O Alcalde explicou que “na listaxe de actividades que acabo de indicarlles, non está incluída a de Ximnasia na piscina climatizada, como en anos anteriores, que se viña ofertando e que contaba cunha alta demanda. Isto é debido a que a piscina vai estar pechada polas obras de mellora que realizaremos na mesma. Por iso, incluímos a actividade de Taichi e aumentamos o número de prazas en Ximnasia de Mantemento”.

Reservaranse prazas para persoas con discapacidade en cada unha das actividades e no caso de que estas persoas necesiten axuda durante o desenvolvemento da actividade poderán ir acompañadas doutra persoa.

Nas PARROQUIAS, o número de prazas ofertadas a través dos seus centros sociais é de 180, están dirixidas ás persoas veciñas de cada parroquia, e inclúense as actividades máis demandadas por aquelas, que son:

  • Conservando a memoria
  • Cerámica
  • Manualidades
  • Costura creativa
  • Costura básica
  • Ximnasia de mantemento
  • Bailes de Salón
  • Bailes Latinos

 

Prazos e requisitos de inscrición

O prazo de inscrición para inscribirse no Plan Activa 2024/2025 permanecerá aberto dende este mércores 11 de setembro e ata o venres 27 de setembro de 2024, ambos incluídos.

As persoas interesadas en participar nas actividades do Centro Cívico deberán presentar a súa solicitude, segundo o modelo normalizado, no Rexistro Municipal do Concello, na Secretaría de Servizos Sociais ou a través da Sede Electrónica municipal (https://monfortedelemos.sedelectronica.es/). Para elo deberán estar censadas no Concello de Monforte.

Como norma xeral, cada persoa poderá solicitar e participar nunha única actividade, para que poida acceder a ela un maior número de persoas, salvo que queden prazas vacantes nas actividades posteriores á súa adxudicación. Nese caso poderá abrirse un período extraordinario ata completar as prazas.

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

  • Documento de identidade (DNI, NIF, pasaporte).
  • Certificado de empadroamento.
  • Certificado de discapacidade, se é o caso.

A solicitude pode ser individual ou conxunta. Neste último caso, o Concello quere favorecer a participación de persoas con relación familiar na mesma actividade, por exemplo, matrimonios.

A adxudicación das prazas do Centro Cívico farase por sorteo entre as solicitudes recibidas para cada actividade, unha vez rematado o prazo de solicitude e diferenciando prazas ordinarias e prazas para persoas con discapacidade. Para iso, asignarase un número para participar no sorteo por cada solicitude recibida.

No caso de presentarse solicitude de participación conxunta elixirase a praza ou lista de espera cun único número.

O sorteo será público, e publicarase na páxina web do Concello e no centro de servizos sociais a data e lugar da realización do sorteo así como a listaxe de persoas admitidas para participar neste.

No caso das actividades das parroquias, poderán solicitalas os representantes das parroquias,  dentro do prazo establecido, e a actividade realizarase no local social correspondente.

As persoas interesadas en participar na actividade concedida deberán dirixirse ao pedáneo ou pedánea da parroquia para que proceda a anotalas na actividade. O prazo estará aberto ata completar as prazas ofertadas en cada actividade.

“En resumo”, destacou José Tomé, “desde este Equipo de Goberno, volvemos apostar decididamente polo Programa Activa, un programa de actividades moi, moi importante para os nosos maiores e moi demandado e que vai permitir, como dicía antes, que os usuarios do mesmo teñan unha vida activa. Desde o Concello de Monforte, animamos a todas as persoas interesadas que se inscriban e desexamos que gocen da gran variedade de actividades que ofertamos nesta edición de 2024-2025”.

 

DESCARGA DE DOCUMENTACIÓN:

Dítico Centro Cívico Programa Activa Monforte 2024-2025

Inscrición Programa Activa Monforte Centro Cívico

Dítico Parroquias Locais Sociais Programa Activa Monforte 2024-2025

Inscrición Programa Activa Monforte Parroquias