José Tomé anuncia unha axuda de 10.000€ para o Campionato de España de Taekwondo que se celebrará en Monforte o 4 de maio

Monforte de Lemos, 24 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello, Óscar Rodríguez, e o director deportivo do Ximnasio Neka, José María Vega, presentou hoxe en rolda de prensa o Campionato de España de Taekwondo, que se celebrará na cidade de Monforte de Lemos o sábado 4 de maio.

Na súa intervención, o rexedor monfortino informou que “tanto dende o Concello de Monforte, como tamén dende a Deputación de Lugo que presido, sabemos da importancia que un campionato destas características ten para calquera cidade. Por iso, quero resaltar o importante esforzo económico de ambas institucións á hora de apoiar o Campionato de Taekwondo”.

Neste senso, mediante os correspondentes convenios de colaboración que se asinarán co Club Neka, o Concello de Monforte achegará unha axuda de 5.000€ para o Campionato e o Deputación Provincial de Lugo tamén se aportarán outros 5.000€,aportando o 66,6%, que son 2/3 do custe do canon de 15.000€ que a Federación Española de Taekwondo estipulou para conceder a celebración do Campionato na nosa cidade”.

Este Campionato de España de Taekwondo celebrarase no novo Pavillón polideportivo de A Pinguela de Monforte e agárdase que reúna uns 350 taekwondistas procedentes de 15 comunidades autónomas de toda España. Competirán nas nas modalidades de Poomsae e Freestyle.

As condicións que ofrece o novo Pavillón da Pinguela, xunto cos éxitos acadados nos últimos anos polos taekwondistas monfortinos, foron decisivos para a consecución deste campionato para Monforte, que competía coas cidades de Malaga e Torrevieja.

O Alcalde aproveitou para recoñecer o traballo do Club Neka, felicitar ó seu director deportivo, José María Vega, como mellor adestrador de España e agradeceu á Federación Española de Taekwondo que apostara finalmente por Monforte para celebrar este campionato. E recoñeceu os éxitos acadados polos taekwondistas monfortinos nos últimos anos “motivo polo que merecen que se celebre un Campionato de España na súa cidade”.

O rexedor monfortino desexou “que este Campionato de España de Taekwondo traia a Monforte un alto nivel de competición, que os nosos deportistas triunfen, e que resulte todo un éxito, porque será o éxito de todos”.

 

Monforte acollerá dous Campionatos de España na primeira quincena de maio

José Tomé recordou que “nos primeiros 15 días do mes de maio Monforte acollerá dous campionatos de España, o de Taekwondo o día 4 e o Campionato de España Masculino de Pitch & Putt de Golf que se celebrará a fin de semana do 11 e 12 de maio, polo que creo que vai ser unha primeira quincena de maio espectacular a nivel deportivo na nosa cidade”.

Neste senso, o rexedor monfortino resaltou  que “o impacto socioeconómico será moi significativo e ademais, serviranos para dar a coñecer a nosa cidade e a Ribeira Sacra a todas esas persoas que veñen non so a competir, senón tamén as persoas que os acompañan como familiares e amigos”.

Agárdase que estes encontros deportivos traian en cada un desas dúas fins de semana de maio a centos de visitantes, que suporán un importante revulsivo económico para a cidade e para a Ribeira Sacra.

 

Detalles do Campionato de España de Taekwondo en Monforte

O director deportivo do Neka, José María Vega, explicou os pormenores dun Campionato que aínda ten aberta a súa inscrición, ata as 12 da noite do xoves, e que leva anotados uns 300 deportistas, aínda que se espera chegar ós 350.

Entre eles, estarán 11 taekwondistas monfortinos. En Sénior, Alejandro Losada, Marco García, Carlos Rey, Daniel Areán y Laura Álvarez. En Júnior, Aitor Teijeiro, Alan David Bustamante e Lucía Roca. En Cadete, Inés Casal, Aya Jabni e Alicia Castro.

O responsable do Club Neka destacou que na decisión da Federación Española de traer o campionato a Monforte pesaron moito as condicións que ofrecen o novo pavillón da Pinguela.

As modalidades de competición serán as de Poomsae e Freestyle, que son de exhibición individual, de técnica e con acompañamento musical.

Para participar neste campionato poden inscribirse deportistas dende os 11 anos ata os 78, pero é condición indispensable formar parte dunha selección autonómica, polo que así se garante o alto nivel técnico dos deportistas participantes.

A día de hoxe, xa se conta coa participación de 15 das 17 federacións autonómicas españolas (queda por confirmar se se apuntarán deportistas de Canarias e Baleares), federacións que moven un alto número de acompañantes, entre deportistas, staff técnico, familiares e amigos.

Este Campionato celébrase unha vez ó ano en España e puntúa para formar parte da Selección Española que acudirá ó Mundial de Hong Kong en decembro deste ano 2024.

A entrada ten un custe de 5€ marcado pola Federación Española de Taekwondo.