Monforte de Lemos, 1 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, participou nos actos de conmemoración do centenario do Club Arenas que se celebraron na mañá de hoxe en Monforte.
En concreto, o rexedor monfortino acudiu ó inicio do partido homenaxe que se disputou dende as 11:30 horas no campo municipal de fútbol Luis Bodegas, no que se enfrontaron ex-xogadores do club distribuídos en 2 equipos, “Arenas Legends” e “Arenas e Amigos”. En total, inscribíronse para este partido homenaxe 130 ex-xogadores deste histórico Club.
Na súa intervención antes do saque de honra, o Alcalde, manifestou o seu apoio e o do seu Equipo de Goberno para que o Club Arenas poida volver a recuperarse e participar de novo en competicións, xa que actualmente non conta con equipos en activo. O rexedor monfortino manifestou que, “si o Club Arenas volve a competir, contará coa axuda do Concello, nas mesmas condicións que o resto de clubs deportivos da cidade”.
O saque de honra foi efectuado polo Alcalde e polo histórico presidente do Club Arenas, Manolo Rodríguez.
Cada equipo xogou cunha camiseta conmemorativa dos 100 anos do Club, un xogou de negro e o outro de amarelo.
Nos actos do centenario do Club Arenas, tamén se celebrou unha comida de confraternización, e a Capela de Carude acolleu unha exposición de fotos antigas do Club.
Estes actos de centenarios foron organizados por veciños do barrio de Carude, coa colaboración do Concello de Monforte.