O Alcalde e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño- Sil anuncian o inicio das obras de construción da nova Depuradora do Polígono do Reboredo

Monforte de Lemos, 9 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga,  informaron hoxe en rolda de prensa, dende o Polígono do Reboredo, do inicio das obras da nova Depuradora do Polígono, logo da sinatura da correspondente acta de replanteo.

A obra foi adxudicada á empresa Espina e conta cun orzamento de 4.040.377,20 €, dos que a C.H. Miño-Sil aporta 3.334.000€ e o  Concello de Monforte, 606.000€., ó que hai que engadir o investimento que o Concello fixo para a compra da parcela adquirida a Sigalsa para destinar ó solar da nova depuradora.

A xestión desta nova depuradora, foi un empeño persoal deste Alcalde, para que poida crecer o polígono e tamén para mellorar a calidade da depuración actual e arranxar o problema do regato do Carballo, que se ten convertido nun problema medioambiental.

José Tomé salientou que “hoxe é un día importante para Monforte porque dan comezo as obras da nova Depuradora do Polígono industrial de O Reboredo, que eran moi necesarias porque a antiga depuradora era insuficiente, e non tiña a capacidade de depuración que hoxe se require”.

Do mesmo xeito, o Alcalde subliñou  que “unha vez rematada, a nova Depuradora vai dar servizo ó Polígono que hai e ó que está previsto que creza, porque coas ampliacións que temos en marcha, contaremos cun polígono de 800.000m2, que xa é un polígono importante, e no que non hai hoxe ningunha parcela para vender”.

O rexedor monfortino puxo en valor á nova Depuradora, “unha infraestrutura moderna, que permitirá deixar de verter ó regato do Carballo, o cal vai coller vida outra vez, porque as augas entubadas van ir ata a saída do Cabe, a través dunha tubaxe de 1,5 km”.

Ademais, outra das características na nova Depuradora, á que o Alcalde cualificou de “case de intelixencia artificial”, é que vai entrar en funcionamento segundo as necesidades, a través dun funcionamento modular, de tal xeito que non vai funcionar toda á vez, senón a medida que teña carga, aumentando así o seu funcionamento e conseguindo un aforro e optimización enerxética.

“En definitiva”, concluíu o Alcalde,  “hoxe é un gran día para o Concello de Monforte de Lemos porque o polígono vai ter unha infraestrutura necesaria e na que so nos axudou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, motivo polo cal quero agradecerlle ó seu presidente a súa sensibilidade coas nosas necesidades e co medio ambiente, pois recuperaremos o regato do Carballo, que está morto polos verquidos da vella depuradora”.

E engadiu que esta noticia do inicio das obras da nova EDAR “non só é boa para Monforte senón tamén para toda a comarca, porque se o Polígono vai ben e se activa aínda máis emprego, será beneficioso para todo o Val de Lemos, xa que ademais hoxe xa hai nel moitos traballadores de concellos limítrofes”.

Pola súa banda, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga salientou a importancia desta nova infraestrutura “porque con ela mellorarase bastante a calidade das augas, mellorarase o aspecto medioambiental, dado que a infraestrutura que ata hoxe funcionaba para depurar os residuos do Polígono era claramente insuficiente e estaba obsoleta”.

“Con esta nova actuación”, engadiu, “vanse dar cumpridos os parámetros de calidade das augas, vaise recuperar o regato do Carballo e en definitiva vaise permitir a ampliación de actividade no Polígono, prevista a longo e medio prazo, e deixase previsto que no futuro, se a situación o demandase, se poida facer unha nova ampliación e aumentar toda esta infraestrutura.”

O presidente da CHMS anunciou que hoxe se asinou a acta de replanteo das obras que oficialmente deron comezo hoxe, aínda que a maquinaria comezará a traballar a finais deste mes de outubro, porque agora estase facendo acopio do material necesario para o inicio das obras.

Ditas obras comezarán pola instalación da tubaxe de 1,5 km, que conectará a nova Depuradora co cauce do Cabe, que conta coa capacidade suficiente de dilución.

A antiga depuradora será un complemento da nova EDAR, tendo que ser reseteada en función da nova infraestrutura.

 

Características da nova Depuradora do Polígono de O Reboredo

A EDAR proxectada solucionará a problemática ocasionada pola antiga depuradora, pensando ademais nunha futura ampliación.

O proxecto construtivo prevé a demolición da EDAR existente e a construción dunha nova Depuradora que non necesitará de terreos privados xa que se construirá nunha parcela de titularidade municipal no polígono contigua onde se ubica a vella depuradora. Estará deseñada para 1.000 m3/día e dará servizo 8.342 habitantes equivalentes.

Executarase unha condución de desaugadoiro, unha nova tubaxe, (emisario) desde a nova EDAR ata o río Cabe de máis de 1,5 km de lonxitude. Para a execución das obras do emisario foi necesaria a expropiación de terreos de titularidade privada que levou a cabo a CHMS, para os que se requiriu a urxente ocupación.

A nova EDAR terá dúas liñas de tratamento, coa posibilidade de ampliación mediante a futura de construción doutra liña de tratamento; contará con 2 reactores biolóxicos, 2 decantadores, 1 liña de pretratamento, 1 liña para tratar os lodos,  podendo dispoñer dun terceiro reactor biolóxico máis un terceiro decantador secundario. Disporá dunha capacidade máis que suficiente e pensada para esas novas necesidades do Polígono a corto e medio prazo.

A nova depuradora terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliación do Polígono  que o Concello ten en marcha.

Vaise construír con dúas características moi importantes e previsoras para o futuro.

  1. Vai poder funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a correcta, establecida nos parámetros que marca a lei, funcionado en función da carga, e permitirá o incremento das liñas de tratamento de residuos do Polígono.
  2. Vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela que ocupa a actual depuradora que son colindantes.

Unha vez rematadas as obras, serán recibidas polo Concello que se encargará do seu mantemento no futuro.