Monforte de Lemos, 19 de xaneiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que a Xunta de Goberno Local do pasado luns 15 de xaneiro aprobou pechar cautelarmente o local de hostalería situado na rúa Duquesa de Alba, concretamente os locais 1 e 2 do número 18, reiterados incumprimentos nos horarios de peche do mesmo.
“En concreto”, explica o Alcalde, “durante os anos 2022 e 2023 a este local lle foron tramitadas 9 sancións todas elas por incumprimento do horario de peche establecido. A Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, sinala que denuncias deste tipo supoñen unha infracción grave, e que esta conleva adoptar a medida provisional, previa o inicio de expediente sancionador, de peche cautelar e precinto do devandito local”.
En concreto, na citada Xunta de Goberno aprobouse o peche cautelar do local ubicado en rúa Duquesa de Alba nº 18, debido á incoación do expediente sancionador por infraccións graves relacionadas con reiterados incumprimentos nos horarios de peche, concretamente 9 nos últimos 2 anos.
Por este motivo, axentes da Policía Local, notificaron este acordo ó titular do local da rúa Duquesa, nº 18, concretamente onte xoves 18 de xaneiro ás 18:10 horas, e posteriormente procederon ó precintado de dito local, tamén no día de onte ás 20:22 horas.
Antecedentes
Con data 20 de febreiro de 2023, adoptouse pola Xunta de Goberno Local do Concello de Monforte de Lemos adoptou o acordo de que os criterios para a adopción de medidas cautelares consistentes no cese da actividade e clausura de instalacións, previa audiencia ás persoas interesadas, salvo nos casos de extraordinaria urxencia, foran os seguintes:
- Nos casos de incumprimento que poidan ser constitutivos de infraccións leves procederá efectuar a medida de peche cautelar logo de 5 denuncias feitas por actas da Policía Local.
- Nos casos de incumprimento que poidan ser constitutivos de infraccións graves procederá efectuar a medida de peche cautelar logo de 3 denuncias feitas por actas da Policía Local.
- Nos casos de incumprimento que poidan ser constitutivos de infraccións moi graves procederá efectuar a medida de peche cautelar logo de 2 denuncias feitas por actas da Policía Local.
Para levar a cabo este peche cautelar do mencionado local, o Concello está amparado pola Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, a Orde da Vicepresidencia 1ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 23 de outubro de 2020, pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, a Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
En concreto, o artigo 33 d) da Lei 10/2007 cataloga como infracción grave a seguinte: "Incumprir os horarios establecidos de acordo co previsto no artigo 17" e o artigo 36.2 sinala que pola comisión de infraccións graves poderanse impor multas, a suspensión ou prohibición da actividade, ou a clausura do establecemento aberto ao público.
O Alcalde sinala que “no presente caso resulta necesario a adopción deste tipo de medidas para evitar que se sigan a producir no tempo prexuízos derivados da comisión reiterada das presuntas infraccións de incumprimento de horarios, situación que ven a provocar molestias reiteradas na veciñanza da zona de Duquesa, existindo ademais numerosas denuncias por infracción de horarios de apertura deste local de hostalería, e cumpríndose polo tanto, as circunstancias sinaladas nos arts. 27 e seguintes da Lei 10/2017 de espectáculos de Galicia”.
En base a todo o exposto, a Xunta de Goberno Local, acordou por unanimidade adoptar a medida provisional, previa o inicio de expediente sancionador, de peche cautelar e precinto do local sito na Rúa Duquesa de Alba nº 18, Local 1 e 2, tras a recepción de máis de tres denuncias feitas por actas da Policía local por presuntos incumprimentos do artigo 33.d) da Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que cualifica dita infracción como grave.