O Alcalde informa da adxudicación das obras de construción do novo aparcadoiro do Polígono de O Reboredo por 292.430,04€


Foto de arquivo, o Alcalde na presentación do novo aparcamento do Polígono de O Reboredo, xuño 2024

Monforte de Lemos, 26 de agosto de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que na Xunta de Goberno celebrada hoxe luns, tivo lugar a adxudicación dunha actuación de mellora nunha infraestrutura urbana do Concello de Monforte, así como a aprobación das propostas de clasificación de licitadores e o requirimento de documentación de outras dúas obras en entorno rural e urbano.

En concreto, trátase da adxudicación das obras de construción do novo aparcadoiro do Polígono de O Reboredo por 292.430,04 €  á empresa Hordescon SL.  E da aprobación das propostas de clasificación de licitadores e o requirimento de documentación  das obras de pavimentación de todo o entorno do Mercado Gandeiro e da mellora do camiño municipal de A Babela.

No caso do novo aparcadoiro do Polígono de O Reboredo, o Concello destinou un orzamento de 305.250,57€, IVE engadido. Para a pavimentación de todo o entorno exterior do Mercado Gandeiro, o orzamento é de 177.787,13€, ive engadido. E a mellora do Camiño municipal de A Babela, ten un orzamento de 75.467,12€.

 

Construción dun novo aparcadoiro no Polígono do Reboredo

O pasado 12 de xuño, José Tomé anunciara esta nova obra de mellora para o Polígono industrial de O Reboredo, “que o dotará dunha nova infraestrutura que se engade ó conxunto de medidas de impulso, medidas de consolidación e medidas de crecemento que dende que eu son Alcalde levamos desenvolvendo no Reboredo, e que nos últimos tempos, permítenlle gozar de moi boa saúde”.

A construción do novo aparcamento levarase a cabo na marxe esquerda da vía principal do Polígono, fronte as empresas Oviganic e a Gallaecia Delicatessen, e contará cunha superficie total de 6.400 m², cun pavimento de aglomerado asfáltico en toda a calzada e de formigón semipulido na beirarrúa perimetral que o circunda.

A capacidade total do aparcamento será de 17 camións e 64 turismos. Ademais, e tal e como esixe a normativa vixente, contará con 2 prazas de aparcamento adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos.

As prazas de aparcamento para turismos terán unhas dimensións de 5x2,50 metros, mentres que as de camións serán de 17x3,50 metros.

En canto á dotación de servizos, contará con:

  • Zonas verdes e árbores que darán sombra ás prazas de aparcamento.
  • Instalaranse 3 fontes de auga potable e 2 zonas para contedores de residuos sólidos urbanos.
  • Instalación de pluviais para recoller todo a auga da choiva da zona e sumidoiros.
  • Iluminación pública, con luminarias LED sobre columnas metálicas de 12 metros.
  • Instalación de electricidade para alimentar os cargadores eléctricos das catro prazas mencionadas.
  • Rede de telecomunicacións, para dar servizo ás 6 cámaras de videovixilancia que se instalarán nesta zona.
  • Rede de abastecemento para dar servizo ás 3 fontes sinaladas.

Está previsto, para o desenvolvemento dos traballos construtivos, un prazo de 2 meses, dende o momento en que se asine a acta de comprobación de reformulo.

A construción deste novo aparcamento, subliña o Alcalde “creo que é moi necesaria para mellorar os servizos que ofrece este polígono e co que queremos paliar un déficit existente no Polígono do Reboredo, xa que o aparcamento que existe na zona onde se construirá o novo é insuficiente e tampouco reúne as condicións mínimas dunha instalación deste tipo”.

 

Pavimentación do Mercado Gandeiro de Monforte

Outra das actuacións de mellora adxudicadas é a da obra de pavimento de todo o entorno do Mercado Gandeiro da cidade, que tamén fora anunciada polo Alcalde a mediados do pasado mes de xullo.

O Alcalde xustifica esta actuación destacando que “esta é unha zona que é moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme, e pavimentar outras zonas que actualmente non o están, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños de Monforte”.

Neste senso, a actuación abarcará unha superficie total 12.725 metros cadrados, nunha lonxitude total de vías de 1.200 metros, e cun ancho medio de 10,60 metros. Colocarase unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm. de espesor.

 “Este proxecto” subliña o Alcalde, “da continuidade o programa de actuacións que o Equipo de Goberno desenvolve no Mercado Gandeiro, pois no ano 2021, acometemos a mellora das cubertas das naves do polbo, cun investimento de máis de 70.000 €”.

 

Mellora do camiño municipal de A Babela

A mellora do Camiño municipal de A Babela comprenderá a renovación do seu pavimento sobre unha lonxitude de 1.120 metros, a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 4 cm de espesor.

A mellora do Camiño municipal de A Babela, conta cun orzamento de 75.467,12€.