Monforte de Lemos, 22 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este sábado na rúa Cardeal da cidade do Cabe a Feira de Artesanía e Produtos Lucenses, que impulsa a institución provincial xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) e Unións Agrarias (UPA). José Tomé acompañado pola Presidenta de FADEMUR, Verónica Marcos Arrojo, e o Secretario de Unións Agrarias Lugo (UPA), Miguel Tomé, puxo en valor o papel das emprendedoras rurais para asentar poboación no territorio.
No acto tamén estivo presente a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros de Servizos, José Luis Losada, Consumo, Regina López, Deportes, José Manuel Mougán, Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz.
“Hoxe, estamos aquí para visibilizar o talento e a creatividade das mulleres rurais da nosa provincia, que con tanto esforzo e dedicación manteñen vivos as nosas vilas. Estas emprendedoras representan o mellor do noso rural, apostando por produtos de proximidade, sostibles e de alta calidade”, enfatizou. Ademais, quixo agradecer a participación das mulleres que lideran os proxectos que se expoñen nesta feira porque, dixo, “son un exemplo de como os pequenos emprendementos poden transformar a realidade do noso rural. Elas demostran que é posible crear emprego, fixar poboación e dinamizar a economía local con proxectos innovadores e sostibles”.
Así mesmo, quixo trasladarlles o compromiso da Deputación de Lugo e do Concello de Monforte para seguir apoiando estas iniciativas e traballando man a man con FADEMUR, “o voso traballo é fundamental para o futuro da nosa provincia e seguiremos traballando para crear as condicións necesarias para que poidades desenvolver os vosos proxectos con éxito”.
Pola súa banda, a Presidenta de FADEMUR Galicia loou esta iniciativa que supón unha ventá aberta que “contribúe a visibilizar o talento e a variedade de emprendementos impulsados por mulleres que existen no rural galego”. Nesta feira, na que colaboramos coa Deputación afirmou Verónica Marcos Arrojo, “presumimos do bo facer lucense”, e non é para menos, engadiu, “pois pensamos que a iniciativa emprendedora feminina nesta provincia é tan ampla como diversa”.
Destacou Verónica Marcos o apoio a estes proxectos liderados por mulleres porque, “son unha oportunidade no que a autoemprego se refire de incalculable valor nun rural no que as cifras de desemprego seguen a cebarse de xeito especial coas mulleres” Por iso, o traballo diario que facemos desde FADEMUR é clave “para fomentar e prestar ás emprendedoras rurais todo o apoio que nos é posible”, explicou.
Un apoio que resaltou tamén o Secretario de Unións Agrarias, “os emprendementos que este sábado visibilizamos en Monforte a través de E Para vivir Lugo reúnen as principais características dos proxectos impulsados por mulleres no rural galego: empresas pequenas que apostan polos produtos de proximidade, a sostibilidade e a elaboración artesanal e que contribúen a fixar poboación e a diversificar a oferta laboral radicada no rural galego”.
E para vivir Lugo
O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación salientou que esta feira organizada pola Deputación está enmarcada dentro do programa E para vivir Lugo, “unha iniciativa que puxemos en marcha coa axuda de fondos europeos para afrontar o reto demográfico que temos por diante”. Este proxecto, que conta cun orzamento de 300.000 euros, contempla 12 liñas de actuación. Entre estas accións inclúense, por exemplo, a creación de oficinas para atraer poboación ao rural, a atención aos novos residentes ou as axudas para a diversificación dos cultivos, entre outras medidas. “Todo isto ten un obxectivo claro: revitalizar o noso rural, facelo atractivo para vivir e traballar, e asegurar que as futuras xeracións teñan un futuro próspero nestes territorios”, enfatizou José Tomé.
Unha feira para enxalzar o talento de 15 emprendedoras
Os stands da Feira de Artesanía e Produtos Lucenses están ubicados na rúa Cardenal de Monforte de Lemos. Ao longo de toda a xornada os asistentes terán a oportunidade de coñecer os produtos e servizos de 15 emprendedoras lucenses que exhiben a diversidade e a riqueza coa que conta a provincia de Lugo. Desde galletas e marmeladas artesanais ata embutidos de porco celta, cerámica, cremas e aceites ecolóxicos. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, a xornada estará amenizada cunha actuación musical en directo.
As emprendedoras que participan neste evento son: Ceniza de Papel, de Lugo; Galletas Xianas, de Taboada; Tres Caracoles, de Lugo; Caurelor, de Quiroga; As Coruxas, de Foz; Tataraboas, de Antas de Ulla; Celtagal, de Mondoñedo; Naturantas, de Antas de Ulla; Fusaiola, de Vilalba; Sacrapastas, de Chantada; Aceites Figueirido, de Ribas de Sil; Lucecús, de Vilalba; Merchi Xurumbelas, de Lugo; Toxalriba, de Lugo; Embutidos Suarna, de Navia de Suarna.