-José Tomé Roca abriu esta mostra, presentada no Espazo+60 Afundación de Monforte, que leva por título “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no s. XX”, e que é froito dun convenio asinado entre o Concello e Abanca o pasado 26 de abril.
-A exposición, formada por 40 fotografías, permanecerá aberta ata o vindeiro 20 de maio no Espazo+60 Afundación de Monforte e poderá visitarse de luns a venres en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 h.
- Trátase dunha mostra expositiva que recolle a historia da emigración galega en imaxes, feitas por fotoxornalistas da Axencia EFE ó longo do século XX, dende a década de 1910.
Monforte de Lemos, 8 de maio de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe a exposición “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no s. XX” no Espazo+60 Afundación de Monforte, un acto no que estivo acompañado por Óscar Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlota Álvarez González, coordinadora do Espazo+60 Afundación de Monforte, a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.
Trátase dunha mostra expositiva que recolle a historia da emigración galega en imaxes, feitas por fotoxornalistas da Axencia EFE ó longo do século XX, dende a década de 1910.
Así, este espazo expositivo acollerá entre o 29 de abril e o 20 de maio esta exposición sobre a emigración galega, formada por unhas 40 fotografías, que se poderá visitar en horario de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 20.00 horas.
O rexedor monfortino agradeceu a colaboración existente entre o Concello de Monforte é Afundación ABANCA, “unha colaboración constante e intensa na que nos une unha motivación común: a aposta e o compromiso polo mundo da cultura e da arte. E exposicións do nivel e calidade como a que inauguramos hoxe, confirman este compromiso común.”
Durante o percorrido á exposición, o Alcalde mostrou a súa satisfacción porque Monforte acolla una exposición que aborda unha das temáticas, que para ben ou para mal, forma parte da historia de Galicia, dos galegos, a emigración, un fenómeno histórico e social que marcou profundamente a historia e a identidade de Galicia.
José Tomé fixo unha análise sobre este fenómeno histórico e social no que as ondas migratorias do século XIX ata as correntes máis recentes, levaron a millóns de galegos a cruzar océanos e fronteiras en busca dunha vida mellor. Esta diáspora forxou lazos que unen a Galicia con lugares tan distantes como América Latina, Europa e Estados Unidos, enriquecendo as nosas comunidades tanto aquí como no estranxeiro.
O rexedor monfortino destacou tamén que detrás de cada historia de éxito e superación, tamén atopamos sacrificio e nostalxia. A emigración implicou deixar atrás fogares, familias e tradicións, enfrontando desafíos descoñecidos en terras afastadas. Pero, a pesar das dificultades, os galegos souberon adaptarse, prosperar e manter viva a chama da súa identidade en calquera lugar onde fixesen pé.
Neste senso, a emigración tivo un impacto significativo na demografía e a cultura de Galicia, con comunidades galegas establecidas en todo o mundo que manteñen vínculos coa súa terra natal a través de organizacións culturais, festivais e actividades comunitarias.
O Alcalde concluíu reflexionando sobre a importancia de honrar o legado daqueles que se atreveron a soñar en grande e afrontar o descoñecido. Tamén debemos lembrar que a emigración segue sendo unha realidade para moitos galegos na actualidade, con desafíos e oportunidades únicas que debemos abordar como sociedade. É a nosa responsabilidade recoñecer e valorar a contribución dos emigrantes galegos a nivel local e internacional, e traballar xuntos para construír un futuro onde todos os galegos, aquí e no estranxeiro, poidan prosperar e sentirse orgullosos das súas raíces.
E animou ós veciños de Monforte a que neste mes de maio visiten este espazo expositivo de Afundación Obra Social ABANCA e se mergullen nesta coidada mostra artística, que recolle a pegada tan importante que o fenómeno da emigración causou na historia do noso pobo galego.
Estreita colaboración entre o Concello de Monforte e Abanca
O Concello de Monforte de Lemos e ABANCA, veñen desenvolvendo ó longo dos últimos anos unha intensa labor de colaboración no ámbito sociocultural, coa organización de diversas exposicións de gran interese para a cidadanía, e que ubican no Espazo +60 que Afundación ten na rúa Cardeal, nº 18, de Monforte.
O Concello de Monforte participará activamente nos actos de inauguración da exposición, levando a cabo ademais accións de difusión da mesma nas súas canles de comunicación. Do mesmo xeito, dende Afundación organizaranse sesións arredor da exposición cos centros escolares monfortinos e no que colaborarán tamén persoas que contan cunha historia de vida na emigración.
Esta exposición, que dende agora xa forma parte do calendario cultural do Concello de Monforte, está integrada no marco dos programas “Corrente Cultural” de Afundación, consistente na realización de actividades socioculturais en localidades de toda Galicia, e o programa “Fálame de emigración”, que promove unha serie de encontros interxeneracionais nos que participan persoas asociadas ós Espazos +60 Afundación, e que comparten as súas experiencias e intercambian opinións en relación a estancias fóra dos seus lugares de orixe, vencelladas ó contexto socioeconómico de Galicia a mediados do século XX.