O Alcalde destina 32.000 € en axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias de Monforte, un 60% máis que en 2023

Monforte de Lemos, 25 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que veñen de ser publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, as axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias do Concello monfortino, e logo de ser aprobadas en Xunta de Goberno o pasado 18 de marzo. Polo tanto, o prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e será ata o 31 de outubro de 2024.

Neste senso, o rexedor monfortino salienta que neste ano 2024 dende o Equipo de Goberno destináronse 32.000€ para este fin, que son 12.000€ máis que no ano 2023, no que se destinaron 20.000€, polo que o incremento é dun 60% máis en 2024.

Este incremento obedece o obxectivo que dende o Executivo de José Tomé se prantexa que é o de “apoiar e incentivar a realización das festas das nosas parroquias e dos nosos barrios”.

Outra das novidades postas en marcha dende o Equipo de Goberno é que todas as entidades e asociacións solicitantes recibirán un importe de 1.000 euros por anualidade, tanto no caso de festas parroquiais, como das correspondentes a barrios da cidade.

Ademais, no caso das parroquias, esta axuda pasa en 2024 de 500 a 1000 euros, co que aumenta o 100%.

Entre outros requisitos, será imprescindible ter autorización concedida polo Concello de Monforte para a celebración da festa para a que se solicite a axuda, tal e como obriga a Lei de Espectáculos de Galicia.

 

Requisitos para ser beneficiarios das axudas

Poderán solicitar estas subvencións todas as parroquias e barrios do Concello de Monforte de Lemos que promovan festas populares, actuando como representantes os organizadores das mesmas e sempre que xustifiquen:

  1. Carácter tradicional dos actos para os que solicita a axuda.
  2. Non ser debedor do Concello por calquera tipo de débeda de dereito público.
  3. Non ser debedor coa facenda pública e coa Seguridade Social.
  4. Declaración responsable na que consten as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, comprometéndose a comunicarlle ao  Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados.
  5. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario das subvencións previstas no art. 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
  6. Ter autorización concedida polo Concello de Monforte para a celebración da festa.  Os servizos administrativos da Concellaría de Cultura comprobarán, de oficio, esta circunstancia.

Estas subvencións están suxeitas a IRPF se quen a solicita é unha persoa física, segundo o Artigo 33 da LIRPF, como ganancia patrimonial. Os beneficiarios poderán solicitar certificación da finalidade da axuda recibida ós efectos de comunicalo á Facenda Estatal.

 

Solicitude e documentación a achegar

Co modelo de solicitude oficial, deberá achegarse a seguinte documentación:

  1. Fotocopia do CIF no caso de persoas xurídicas e do NIF no caso de persoas físicas. No caso de que se trate dunha agrupación de persoas ou comisión de festas deberán facer constar o nome de todos os membros e acompañarán o DNI de cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
  2. Memoria explicativa detallada do programa de actividades realizado ou que se pretende realizar, con especificación da data, lugar de realización, responsables do desenvolvemento da actividade, obxectivo e fins concretos a que se destinarán os fondos.
  3. Datos bancarios da conta á que se poderá transferir o importe da subvención, debidamente certificada pola entidade bancaria.
  4. Declaración responsable da entidade ou agrupación solicitante no que consten as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, comprometéndose a comunicarlle ó Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados.
  5. Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario.
  6. Declaración responsable de non ser debedor á Facenda Estatal e Autonómica, nin á Seguridade Social.
  7. Calquera outro documento que  se considere de interese para a mellor avaliación da subvención.

A instancia coa restante documentación solicitando a subvención, poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello, así como por Sede Electrónica.

Bases Festas Barrios e Parroquias 2024 Monforte

Publicación no BOP 23 03 2024