Monforte de Lemos, 31 de outubro de 2024. As Comunidades autónomas de Castilla La Mancha, Andalucía e, especialmente, a Comunidade de Valencia teñen padecido os demoledores efectos da gota fría, que se cebou con esas comunidades autónomas, causando unha devastación e unha traxedia humana indescritible.
Os danos materiais son inxentes e, co paso do tempo, poderán cuantificarse unha vez feitas as tarefas de desescombro e restablecemento dos servizos públicos pero, con todo, os danos persoais son irreparables xa que téñense producido 95 mortos continuando, a dia de hoxe, a procura de desaparecidos.
Á vista do exposto e da terrible situación na que se encontran os veciños e veciñas das Comunidades Autónomas afectadas, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, decretou a primeira hora da mañá de hoxe tres días de loito oficial, que comezarán as 10:00 h do xoves día 31 de outubro e se prolongarán ata o as 10:00 h do vindeiro 3 de novembro. Neste período, quedarán suspendidos todos os actos públicos oficiais deste Concello.
Do mesmo, xeito as bandeiras exteriores de todos os edificios dependentes do Concello de Monforte de Lemos, ondearán a media asta, durante os días de loito establecido.
O rexedor monfortino tamén decretou que se lle dea traslado ás autoridades das Comunidades Autónomas afectadas a expresión e testemuño institucional da condolencia polos danos persoais e materiais producidos pola DANA.
No decreto, José Tomé tamén establece o compromiso de participar de forma presencial nos actos lutuosos convocados institucionalmente en solidariedade cos/as veciños e veciñas afectados/as.
Finalmente, o Alcalde decretou facer unha Declaración Institucional de solidariedade cos/coas veciños/as e coas Institucións afectadas.