Monforte de Lemos, 8 de maio de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar coa Sociedade Cultural, Artística e Recreativa A Fraternal un convenio que permitirá canalizar dende o Concello unha subvención directa de carácter excepcional, coa que “contribuiremos a que poidan financiar e sufragar gastos de funcionamento e mantemento do seu local social”.
Esta decisión de outorgar unha axuda excepcional a La Fraternal, foi adoptada polo Alcalde “dadas as difíciles circunstancias polas que está pasando esta histórica sociedade recreativa monfortina, que conta con máis de 100 anos de historia e que é un referente e un icono na nosa cidade” destaca José Tomé. Neste senso, en xaneiro do presente ano, a Sociedade tivo que pechar a súa cafetería, pola renuncia do profesional que a atendía, que tamén abría e pechaba as instalacións. Tamén acumula débedas coa compañía que lles facilita o subministro eléctrico.
Deste xeito, a Xunta de Goberno local celebrada o pasado 25 de marzo de 2024, decidiu aprobar o convenio que canaliza esta subvención directa de carácter excepcional outorgada, por importe de 5.000,00€, “co obxecto de colaborar no financiamento dos gastos derivados da execución da actuación de “Gastos de funcionamento” na anualidade 2024 de La Fraternal”. O convenio foi asinado polo Alcalde, José Tomé, e o representate da sociedade, Isaac Mosquera Sampe.
O Alcalde é sensible coas necesidades desta entidade e cos seus socios, que alcanzan o centenar, porque “dende o Concello non podemos permitir que unha sociedade do prestixio e da soleira que ten La Fraternal poida desaparecer”.
Sociedade histórica monfortina
La Fraternal, naceu a finais do século XIX á vez que o ferrocarril comezaba a instaurarse en Monforte. Forma, xunto co Círculo Victoria e o Ateneo Casino as tres sociedades recreativas históricas de Monforte.
A sociedade La Fraternal está vinculada á orixe e crecemento do barrio da Estación á calor da chegada do ferrocarril a Monforte; a súa fundación puido ter lugar ao redor de 1899.
Nos seus primeiros tempos, a súa sede estaba na entón denominada Estrada Nova, a actual rúa Leopoldo Calvo Sotelo. A súa localización actual, na planta baixa e o piso superior do número 43 da rúa Concepción Arenal, estreouna a principios dos anos 40, despois da compra do solar en 1946 e de construído o edificio.