O Alcalde convoca o X Concurso de axudas para a confección de traxes medievais para a 20ª edición da Feira Medieval de Monforte

Monforte de Lemos, 27 de xaneiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de convocar o X Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais, actividade que se realizará dentro do programa de actos da XX Feira Medieval de Monforte do ano 2024. O concurso desenvolverase dende este luns día 29 de xaneiro e ata o xoves 8 de febreiro de 2024.

O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que,  tras abrir o prazo o pasado 16 de xaneiro para que se poidan inscribir os postos de alimentación, artesanía e comercio, “dende o Concello levamos a cabo unha nova convocatoria coa que queremos animar ós monfortinos e monfortinas a que participen activamente na Feira Medieval, como fixeron sempre, coa confección dos seus traxes medievais, para o cal poderán participar no concurso de axudas, que convocamos a través das tres emisoras de radio locais, dende este luns día 29 de xaneiro e ata o 8 de febreiro”.

Polo tanto, o obxectivo deste concurso é aumentar a participación dos veciños e veciñas de Monforte nos diferentes actos da XX Feira Medieval que terá lugar os días 30 e 31 de marzo de 2024.

O Alcalde recorda que “este ano 2024 a Feira Medieval chega á súa vixésima edición, despois da cal xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.

 


                                                               Foto de arquivo: Feira Medieval de Monforte de 2023

Concurso radiofónico

Os veciños e as veciñas interesados en participar neste concurso de axudas para a confección de traxes medievais deberán chamar ata o 16 de febreiro de 2023 ás emisoras Onda Cero Monforte, Radio Principal Monforte Cadena Ser e Radio Monforte, durante o espazo destinado á súa programación local de luns a venres e contestar a unha pregunta referida a Monforte formulada pola locutora ou o locutor.

O número máximo de persoas participantes será de 60 e non poderán participar aquelas que xa recibiran a axuda nos concursos de confección de traxes medievais dos últimos tres anos. Cada radio repartirá un máximo de 20 premios nominais ás 20 persoas que acerten a pregunta.

 

Instrucións a seguir polos ganadores do concurso

As radios colaboradoras emitirán unha lista o 9 de febreiro das persoas que acertasen as preguntas co seu nome e teléfono de contacto. Estas persoas deberán pasar polo Concello, entre o 13 e o 20 de febreiro, para realizar unha solicitude formal no Rexistro municipal, para que sexan subvencionadas cunha cantidade máxima de 50 euros por persoa.

Esta subvención deberá ser empregada na confección e elaboración dun traxe medieval que se lucirá nos actos da Feira Medieval os días 30 e 31 de marzo de 2024.

Unha vez sexa emitido o informe polo Departamento de Cultura, no que se poña de manifesto que os solicitantes coincidan coas persoas que acertaron a pregunta no programa de radio e que non houberan participado en concursos anteriores (últimos 3 anos), comprobarase que ditos gañadores se atopen ó corrente de obrigas tributarias co Concello de Monforte, e ditarase unha resolución acordando conceder a condición de beneficiarios ós que cumpran os requisitos, unha vez verificado que non exista impedimento legal para recibir a subvención.

Os beneficiarios da axuda, terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 30 e 31 de marzo presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España.

Tras a celebración da Feira Medieval, os beneficiarios da subvención, entre o 1 e o 9 de abril, deberán presentar ó seu nome no rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde realizou o seu traxe, polo importe  concedido como mínimo, no que conste o pago e o concepto.

Unha vez comprobado que a factura reúne todos os requisitos legais e que os beneficiarios participaron na XX Feira Medieval, o Concello emitirá unha resolución recoñecendo a obriga a favor dos beneficiarios e procederá ao pago das axudas.

Os participantes neste concurso non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais convocado polo Concello.

 

Establecementos colaboradores co concurso

As tendas colaboradoras co Concello de Monforte no Concurso de axudas para traxes medievais son:

  • TEXIDOS PHILDAR: Rúa Doutor Casares, 12.
  • RETALES MERCE: Rúa Doutor Teijeiro, 38.
  • COSER COSIENDO: Rúa Calvo Sotelo, 7.
  • NITA VEIGA: Rúa do Cardeal, 6 (só adquisición de teas).
  • TERESA LAMELA COSTURA: Rúa Doutor Casares, 66.
  • GNOMOS: Rúa Hermida Balado, 10.

A inscrición no concurso de axudas para a confección de traxes medievais implica a autorización ó Concello de Monforte de Lemos de todos os participantes inscritos, da recollida e tratamento dos Datos Persoais dos participantes que teñen como finalidade a xestión do concurso convocado polo Concello como a publicación dos gañadores. A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases.

Para calquera cuestión ou aclaración adicional poderán dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n, teléfono: 982402501).

“A Feira Medieval de Monforte é un dos eventos mais importantes da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”, concluíu o rexedor monfortino.