Monforte de Lemos, 17 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de convocar unha sesión extraordinaria e urxente da Corporación municipal do Concello, co obxecto de levar a cabo a aprobación inicial do Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Monforte. A sesión plenaria celebrarase este venres 19 de abril ás 8 da tarde.
O Concello de Monforte de Lemos non conta actualmente cun Regulamento de Honras e Distincións. Por este motivo, e dada a proximidade da visita oficial que o XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez De Irujo, realizará a Monforte de Lemos no entorno do vindeiro mes de xuño, é necesario contar cun regulamento deste tipo.
A futura visita do actual Conde de Lemos e Duque de Alba a Monforte, require ter regulado todo o que leva consigo o protocolo de honores e distincións.
Por este motivo, o Alcalde convocou este Pleno extraordinario e urxente da Corporación municipal, a fin de que o Regulamento de Honras e Distincións do Concello sexa aprobado definitivamente antes da citada visita.
Unha vez aprobado inicialmente polo Pleno do vindeiro venres, a aprobación inicial será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, abríndose un período de alegacións.
Posteriormente volverá a convocarse outra sesión plenaria para a resolución de alegacións, se as houbera, e para a súa aprobación definitiva. Unha vez aprobado nese pleno o Regulamento definitivo, será publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e entrará en vigor.