O Alcalde convoca diversos concursos arredor da XX Feira Medieval de Monforte, con máis de 2.000 € en premios


Foto de arquivo: O Alcalde, na entrega de premios do Concurso de Traxes da Feira Medieval 2023

Monforte de Lemos, 29 de febreiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que “a partir de mañá venres 1 de marzo, todo aquel que se queira apuntan nalgún dos tres concursos que convocamos dende o Concello de Monforte arredor da XX Feira Medieval, poderá facelo ata o 26 de marzo no Rexistro Xeral do Concello.” A 20ª edición da Feira Medieval celebrarase o 30 e 31 de marzo de 2024.

Tras convocar o pasado mes de xaneiro o Concurso de axudas para a confección de traxes medievais e tras abrir o prazo tamén para solicitar a participación na mesma (postos de alimentación, artesanía e comercio), o Equipo de Goberno convoca, como en pasadas edicións, estes tres concursos co obxectivo de animar ós monfortinos e visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma. Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios.

“Coa convocatoria destes concursos” salienta o Alcalde, José Tomé Roca, “temos por obxectivo dinamizar e potenciar a participación e desenvolvemento da Feira Medieval de Monforte, que este ano 2024 chega á súa vixésima edición, despois da cal xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”, destaca o rexedor monfortino.

 

VIII Concurso de Decoración de Balcóns

O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores balcóns, así como fachadas, ventás, ou entradas de casas e edificios, que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Neste concurso poderán participar todos os balcóns, fachadas, ventás, ou entradas de casas e edificios sitos na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval. Os balcóns participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 28 ó 31 de marzo de 2024.

O xurado valorará a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados.

Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 100 euros, o segundo 75 e o terceiro 50 €.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o domingo 31 de marzo ás 19:00 h. na praza de España.

Bases VIII Concurso Decoración Balcóns XX Feira Medieval Monforte 2024

Formulario Inscrición Concursos XX Feira Medieval Monforte 2024

 

IX Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros

O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores establecementos que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Neste concurso poderán participar todos os establecementos comerciais e hostaleiros situados na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval. Os establecementos comerciais participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 28 ó 31 de marzo de 2024.

Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 200 euros, o segundo 100 € e o terceiro 75 €.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o domingo 31 de marzo ás 19:00 h na praza de España. Para elixir aos gañadores, o xurado terá en conta a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, os materiais utilizados e a adecuada conxunción dos artigos comerciais do escaparate coa decoración medieval.

Bases IX Concurso Decoración Establecementos Comerciais e Hostaleiros XX Feira Medieval Monforte 2024

Formulario Inscrición Concursos XX Feira Medieval Monforte 2024

 

XI Concurso de Traxes Medievais

O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar tanto nos monfortinos e nas monfortinas, coma nos visitantes, a súa participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da XX Feira Medieval.

Esta actividade realizarase dentro do programa de actos da XX Feira Medieval o día 31 de marzo de 2024.

As modalidades e premios do Concurso de Traxes Medievais son as seguintes, entendendo por infantil ata os 12 anos:

Adultos:

  • Individual: 1º premio: 75 €; 2º premio: 50 €
  • Parellas (2 compoñentes): 1º premio: 175 €; 2º premio: 125 €
  • Grupos (a partir de 5 compoñentes): 1º premio: 275 €; 2º premio: 175 €

Infantil – Individual:

  • Individual: 1º premio: 50 €; 2º premio: 25 €
  • Parellas (2 compoñentes): 1º premio: 100 €; 2º premio: 75 €
  • Grupos (a partir de 5 compoñentes): 1º premio: 175 €; 2º premio: 125 €

Os participantes no concurso concentraranse na Praza de España (a carón do Cruceiro) onde estará situado o xurado, ás 17:00 horas do domingo 31 de marzo.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o domingo 31 de marzo ás 19:00 h na praza de España.

Os gañadores serán determinados en función de que os seus traxes foran realizados artesanalmente, da súa elaboración, da riqueza en complementos, da posta en escena, do material utilizado e do seu rigor histórico. Tamén se valorará a permanencia do participante co traxe posto durante os actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.

Os aboamentos dos diferentes premios serán tramitados polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente será necesario a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular e xustificación nos termos sinalados nestas bases.

Non poderá realizarse o pagamento do premio mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Bases XI Concurso Traxes Medievais XX Feira Medieval Monforte 2024

Formulario Inscrición Concursos XX Feira Medieval Monforte 2024