Monforte de Lemos, 3 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os Concelleiros de Servizos, José Luis Losada, e de Consumo, Regina López, e pola coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez Castro, clausuraron hoxe pola tarde o Programa Activa 2023/2024 que nesta edición tivo unha duración moi superior á de edicións anteriores e cunha participación de 525 usuarios repartidos tanto no Centro Cívico da cidade como nas Parroquias.
“Para min, como Alcalde, é unha enorme satisfacción celebralo porque é un dos principais compromisos adquiridos por min, consciente da necesidade que teñen os nosos veciños e veciñas, especialmente os máis maiores, de sentirse útiles e activos.”
O Programa Activa é un ambicioso proxecto ideado polo Executivo de José Tomé que desenvolve ó longo de 8 meses un gran abanico de actividades de ocio e tempo libre.
Obxectivos e resultados
Os obxectivos marcados dende o Equipo de Goberno do Concello pasan por favorecer o envellecemento activo e ademais mellorar a calidade de vida dos nosos maiores fomentando as relacións e os intercambios interxeracionais, así como a aprendizaxe de novos coñecementos.
Con esta finalidade déuselle prioridade de participación aos maiores de 55 anos, que son os que máis precisaban deste tipo de actividade para volver á normalidade, e gozar dunha vida máis saudable e independente.
“Dende os Servizos Sociais”, subliñou o José Tomé, “fíxose un traballo excelente do que se beneficiaron 15 grupos con 362 participantes no Centro Cívico, 76 máis que en 2022-23, un 27% máis e 12 grupos con un total de 162 persoas nas parroquias, unha cifra similar á do período anterior”.
En total, participaron no Programa Activa 2023-2024, en 27 actividades distintas, 525 persoas.
Das novas actividades propostas foron as de ioga, informática e costura básica as que tiveron unha acollida excelente, cubríndose a totalidade das prazas.
Como en anos anteriores, todas as actividades foron gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, e subvencionadas ao 100% polo Concello monfortino.
Enquisa de satisfacción
Para coñecer a valoración dos usuarios do Programa, dende o Concello realizouse unha enquisa de satisfacción na que participaron 275 persoas, obtendo uns resultados excepcionais:
- Grao valoración de actividade: excelente/axeitado para o 98%.
- Grao de valoración de monitor: excelente/axeitado para o 98%.
Así mesmo, os participantes manifestaron sentirse máis activos, e valoraron en positivo o compañeirismo, o coñecer a persoas, o influxo positivo no seu estado de ánimo…
“Por iso creo que o obxectivo final do programa cumprímolo, que é promover un envellecemento activo a través dos aspectos físico, emocional e das relacións sociais” destacou o Alcalde, quen engadiu que “síntome enormemente satisfeito con estes resultados porque supoñen que mereceu a pena o esforzo que fixemos tanto en ampliación de prazos como na inversión que se fixo para costear o Programa”.
Por esta razón, e dado o éxito alcanzado e seguindo tamén co compromiso de mellorar a vida dos adultos maiores, o Alcalde anunciou que este ano volveranse a iniciar as actividades do Programa Activa no mes de outubro e, como nesta edición, manteranse ata o mes de xuño do 2025.
Está previsto tamén, un incremento de prazas e de actividades, en función das necesidades e suxerencias que se trasladen dende os Servizos Sociais do Concello.
Por iso o Alcalde convidou ós asistentes a apuntarse ao programa, a realizar as actividades programadas e a desfrutar desta oportunidade de coñecer nova xente, de interrelacionarse con novas amizades e de manterse dinámicos e activos.
O rexedor monfortino concluíu agradecendo a participación dos 525 usuarios nesta edición de Programa Activa e felicitou á Coordinadora de Servizos Sociais e a todo o Grupo de Traballo que participou no mesmo, por estas valoracións tan positivas. “Eu síntome moi satisfeito de cumprir unha vez mais coa palabra dada de coidar e protexer a esta parte tan importante da nosa sociedade”.