Monforte de Lemos, 18 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu este venres ao acto de investidura da monfortina Mª Emilia Casas Baamonde como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
O evento, que tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais deste campus, foi presidido polo Reitor Magnífico desta entidade universitaria, Manuel Joaquín Reigosa Roger, e contou coa presenza do Alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, entre outras autoridades.
Mª Emilia Casas Baamonde, nacida en Monforte de Lemos, foi a primeira muller Catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social de España pola Universidade Complutense de Madrid e presidiu o Tribunal Constitucional entre o ano 2004 e o 2010. Actualmente, preside o Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo (Tarclu) e é Conselleira electiva do Consello do Estado desde o 2018.
A maxistrada foi nomeada Doutora Honoris Causa por diversas universidades españolas e ao longo da súa traxectoria profesional recibiu importantes recoñecementos e condecoracións como o Premio Pelayo para Xuristas de Recoñecido Prestixio ou a Gran Cruz da Orden de San Raimundo de Peñafort.