O Alcalde anuncia a apertura do prazo para solicitar a participación na XX Feira Medieval de Monforte

Monforte de Lemos, 16 de xaneiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que hoxe martes 16 de xaneiro abre o prazo para solicitar a participación na XX Feira Medieval de Monforte. Deste xeito, fanse públicas as bases para a solicitude de participación na Feira Medieval que se celebrará o sábado día 30 e o domingo 31 de marzo de 2024.

O Alcalde salienta que “con esta convocatoria seguimos traballando na organización das actividades propias do calendario de eventos anual do noso Concello, neste caso a Feira Medieval, logo de que onte luns 15 en Xunta de Goberno aprobaramos as bases para participar nela”.

O rexedor monfortino subliña que “este ano 2024 a Feira Medieval chega á súa vixésima edición, despois da cal xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.

 

Prazos e requisitos de inscrición


Foto de arquivo da XIX Feira Medieval de Monforte, en 2023 

As bases recollen o procedemento de solicitude, documentación que se debe achegar, así como aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos,  a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo e os horarios de apertura e peche.

Segundo se especifican nas citadas bases, o 15 de febreiro remata o prazo de inscrición, e o día 1 de marzo publicarase na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es) a listaxe de admitidos e admitidas, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o pago dos prezos de inscrición.

A organización da XX Feira Medieval admite tres modalidades de postos: gastronomía, artesanía e comercio. E, do mesmo xeito, darase prioridade ás solicitudes de vendedores e vendedoras de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá ou artesán.

O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 € para os que midan ata 3 metros de longo e de 51,54 € para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 € independentemente do seu tamaño.

Para todos os casos, estes prezos inclúen a maiores o custo de participación e a taxa de ocupación de dominio público, que é de 6 € por posto.

No transcurso da Feira Medieval, o horario de apertura dos postos inscritos será ás 10:00 horas e o peche dos mesmos será entre as 21:00 e 23:00 horas.

Todas as persoas interesadas en solicitar a participación con posto de venda na XX Feira Medieval de Monforte de Lemos, deberán cubrir a solicitude oficial, na que se inclúe a Declaración Responsable e presentalo no rexistro xeral do Concello de Monforte de Lemos ou a través da sede electrónica: https://sede.monfortedelemos.es

Tamén poderán presentarse no Rexistro oficial do Concello. No caso de presentarse fora do Concello, o/a solicitante deberá dirixir por correo electrónico á dirección: feiramedieval@concellodemonforte.com, a correspondente solicitude e documentación anexa no prazo establecido como período de solicitude.

Para máis información, dirixirse á Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello (Casitas da Compañía), nos teléfonos: 698181551 e 982884775 e no correo: feiramedieval@concellodemonforte.com.

Tras o anuncio desta convocatoria, nos vindeiros días, dende o Concello daranse a coñecer máis detalles en torno a esta feira que é a protagonista no fin de semana de Semana Santa en Monforte, e que ano a ano, avanza para acadar a declaración Feira de Interese Turístico Galego.

“A Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”, concluíu o rexedor monfortino.

Bases participación XX Feira Medieval Monforte 2024

Regulamento XX Feira Medieval Monforte 2024

Solicitude participación XX Feira Medieval Monforte 2024