O Alcalde anuncia que hoxe rematan os traballos de asfaltado do entorno da Pinguela

Monforte de Lemos, 29 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisou o avandce das obras de mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os edificios de vivendas da zona da Pinguela, e cuxo asfaltado está previsto que remate na xornada de hoxe

Concretamente, o Executivo de José Tomé abordou nesta zona a mellora das vías, aparcadoiros e beirarrúas municipais situadas no entorno do Campo municipal de fútbol, o Pavillón polideportivo, a Piscina municipal e as Pistas de tenis.

O rexedor monfortino recorda que “trátase dunha zona que, polas instalacións deportivas que acolle, conta con moito tránsito diario de vehículos, que se intensifica especialmente nas fins de semana, cando se disputan as diferentes competicións deportivas que acollen tanto o novo pavillón polideportivo, como o campo de fútbol, a piscina municipal, que está sendo renovada integralmente na actualidade, ou as pistas de tenis, sobre as que tamén acometeremos melloras”.

Deste xeito, o proxecto contou cun orzamento de 223.715,10 euros, case un cuarto de millón de euros, foi adxudicado á empresa Francisco Gómez y Cia SL por 188.180€ .

Nova ordenación do tráfico e 35 prazas de aparcamento máis

O Alcalde monfortino explicou que “a causa da reforma do Pavillón de A Pinguela, fixéronse actuacións sobre o seu entorno, polo que é necesario reordenar as circulacións e as prazas de aparcamento que dan servizo ás instalacións deportivas municipais, así como ós edificios de vivendas existentes na zona.”

Deste xeito, unha modificación importante deste proxecto é a reforma das entradas e saídas, “para darlle máis seguridade e facer os estacionamentos máis accesibles”.

Así, os cambios que supoñen este proxecto de mellora son que no lateral-frontal da piscina, suprímese a entrada para reducir a velocidade de acceso e nese espazo situaranse 3 prazas de autobús e 2 prazas de discapacitados, dándolle continuidade á beirarrúa, plantando 3 árbores de sombra e colocaranse bancos.

A actual entrada central, convértese na entrada e saída principal dende a rúa Sober, aínda que haberá outro acceso na zona máis próxima á Pinguela.

Polo que respecta á zona que bordea as pistas de tenis, habilítanse dúas entradas e dúas saídas cara a rúa Sober no lateral da piscina, e unha entrada de nova creación, dende a rúa da Pinguela, no lateral coa instalación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

“Todo isto supón”, subliñou o Alcalde, “unha nova ordenación do tráfico máis funcional, máis cómoda e sobre todo, máis segura”.

Ademais, salientou que con esta nova ordenación, vai haber 263 prazas para turismos, 8 para discapacitados, 3 para autobuses e outras prazas para motos e bicicletas, cun total de 274 prazas para vehículos. Así, increméntanse en 35 prazas as que hai neste momento, sen ter en conta as de motos e as de bicicletas, só para vehículos.

 

Mellora integral das vías, aparcadoiros e beirarrúas municipais do entorno da Pinguela

A actuación de mellora das vías deste entorno da Pinguela abrangue unha lonxitude total de 420 metros, cun ancho medio de 21,05 metros. A superficie total de actuación é de 8.847 metros cadrados, preto dunha hectárea.

As obras de mellora consistiron en primeiro lugar, no fresado do firme actual nas zonas necesarias, así como ó levantado da calzada para o rebaixe da súa cota noutras zonas, co obxecto de nivelar toda a zona.

Tamén se procedeu ó levantado de beirarrúas nas zonas necesarias, así como ó corte de pavimento nas zonas nas que se colocará a rigola e nas unións co resto das vías. Nas zonas en que actualmente non están pavimentadas, proceduse á apertura de caixa e posterior recheo con zahorra, base de pedra e triple rego e aglomerado en quente.

Nas zonas nas que se constrúan as novas beirarrúas, procedeuse á colocación dunha soleira de formigón para a posterior colocación de baldosas de formigón. Tamén se colocaron os bordes correspondentes a ditas beirarrúas.

Nas zonas baixas, onde se atopan as distintas pendentes colocouse unha rígola de formigón para recoller a auga de pluviais e conducila aos sumidoiros que se colocarán. Renováronse sumidoiros nos puntos en que xa existen e colocaranse uns novos noutros puntos en que era necesarios, todos eles conectados á rede de pluviais existente.

Posteriormente, procedeuse ó varrido do firme na zona de actuación, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente D-12 de 5 cm de espesor, con posterior recalce de tapas de arquetas.

Por último, unha vez secado o asfalto, procederase ó pintado coas marcas viarias correspondentes, así como símbolos e cebreados. Tamén serán pintadas as marcas correspondentes ás prazas de aparcamento, incorporando esas novas prazas.

Tamén se colocarán sinais na contorna do paso de peóns elevado, así como bancos, papeleiras, árbores, pilonas para evitar que os coches aparquen en zonas non autorizadas, varandas de protección ó longo do pavillón, para que os vehículos non entren e aparquen nestas zonas peonís, e un aparcamento para bicicletas e motos.

 “Creo que se trata dunha inversión moi importante, dun cuarto de millón de euros” subliñou José Tomé, “que sen dúbida mellorará o entorno das instalacións deportivas municipais ubicadas da Pinguela, que estará acorde co novo Pavillón polideportivo e coa nova Piscina municipal, unha vez rematen as obras de mellora que nela vimos de iniciar, que dará resposta ós centos de usuarios que se achegan a estas instalacións cos seus vehículos, e que contarán con máis prazas de aparcamento e mellores accesos.