Monforte de Lemos, 25 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a posta en marcha da sinalización lumínica de todos os pasos de peóns que non teñen regulación por semáforos na cidade, a cal porase en funcionamento mañá venres 26 de xullo, co acendido das 42 novas farolas ubicadas en 32 pasos de peóns e estando tamén operativos os 1.800 catadióptricos instalados nos 340 pasos de cebra da cidade.
“Trátase dun novo servizo para a cidade moi novidoso, pois non coñecemos outra cidade que o teña, o cal combina iluminación con farolas e catadióptricos, e que contribuirá a que estes pasos de cebra sexan máis visibles e estean mellor sinalizados”, indicou o rexedor municipal.
O Alcalde subliña que “a seguridade vial é un aspecto fundamental para o meu Equipo de Goberno e por iso decidín incluír dentro do proxecto de mellora da iluminación pública global deste Concello, un apartado que ten que ver coa seguridade, precisamente co tráfico”. Esta preocupación pola seguridade viaria tradúcese ademais en que dende o Concello procédese ó pintando todas as sinais viarias das rúas, en anos alternos, e os pasos de cebra, todos os anos.
“Para levar a cabo esta mellora, nos pasos que non contan con regulación mediante semáforos, procedemos á colocación de farolas fronte ós pasos de cebra, para que se vexan mellor os peóns e tamén se sinalizaron luminicamente estes pasos co obxectivo de que os condutores teñan unha maior visualización, tanto dos propios pasos de peóns como da xente que os cruza”, subliña o Alcalde.
En concreto, colocáronse 42 farolas novas en 32 pasos de peóns, nos que a Policía Local determinou que son os máis transitados da cidade, e que se relacionan a continuación:
- Rúa Morín-Residencia: 1
- Rúa Coruña-Dr Casares: 1
- Rúa Dr Casares-Club Fluvial: 2
- Rúa Calvo Sotelo–Estación: 2
- Rúa San Pedro-Instituto: 2
- Circunvalación- Multiusos: 1
- Rúa Corredoira-Circunvalación: 2
- Hospital: 1
- Rúa Chantada-Hórreo Fesport: 2
- Rúa Chantada-Hórreo Gasolineira: 1
- Rúa Chantada-Gadis: 1
- Malecón-C. Social-Residencia: 1
- Ponte Nova-Breogán: 1
- Rúa Ourense-Asmédica: 2
- Pinguela Instituto: 1
- Rúa Conde-Correo:- 1
- Compañía-Cristal: 1
- Compañía-Carritos: 1
- Compañía-JM: 1
- Paseo Lugo-Parque: 1
- Rúa Benito Vicetto-Supermercado Día: 1
- Rúa Benito Vicetto Vivendas: 1
- Entrada Aparcamento Parque Condes: 1
- Rúa Ourense-Vivendas Sociais: 2
- Rúa Roberto Baamonde-fronte Librería Contos: 1
- Rúa Reboredo-Carnicería Víctor Manuel: 2
- Rúa Dr. Casares-Daviña Rei: 1
- Rúa Carude-Agora: 1
- Rúa Ourense-Cervexería: 1
- Rúa Hortas-Ponte Vella: 1
- Rúa Roberto Baamonde-Inés de Castro: 2
- Rúa Chantada-Lidl: 2
O rexedor monfortino explica que “onde era necesario colocáronse dúas farolas, salvo en lugares onde xa había unha nun dos laterais do paso de cebra ou nas proximidades, e cando coincidiu con algunha entrada de edificios ou calquera outro obstáculo, colocouse unha farola soamente”.
Ademais da mellora da iluminación coa colocación de novas farolas especificas para os pasos de peóns referidos, tamén foron colocados 1.800 catadióptricos en 340 pasos de cebra, que son todos os pasos de cebra de Monforte.
“En concreto, foron colocados 3 catadióptricos en cada sentido da marcha en todos os pasos de peóns da cidade, de forma que nos pasos de cebra das rúas de sentido único colocáronse 3 dispositivos reflectantes no sentido da marcha e nas rúas de dobre dirección foron colocados 6 catadióptricos, 3 en cada sentido da marcha”, explica José Tomé.
Deste xeito os condutores teñen o aviso de onde se atopa o paso de peóns sobre todo de noite ou con néboa, podendo reducir a velocidade e aumentando a súa atención pola advertencia que supón o reflexo das luces de cores nos dispositivos reflectantes.
“Esta é unha medida moi novidosa e esperamos que sexa efectiva para aumentar a seguridade dos peóns, aumentando a tranquilidade para os condutores, para os peatóns e para o conxunto da cidadanía”, salienta o rexedor municipal.
O investimento nas novas luminarias coma nos catadióptricos ascendeu a 85.000€, ive incluído, no que respecta ós materiais, sen contar o custe da man de obra.
Concretamente, a partida destinada ás farolas dos pasos de peóns ascende a 80.493€ e ós catadióptricos supoñen 4.507€.
“Con esta medida, agardamos que aumente a seguridade nos pasos de peóns da cidade, e queremos contribuír así a que diminúan os atropelos de persoas, que por desgracia, as veces acontecen nalgunhas rúas da nosa cidade”, concluíu o Alcalde.