Monforte de Lemos, 20 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o vindeiro luns 22 de xullo iniciarase unha nova campaña informativa, coa ubicación de carpas en diferentes puntos da cidade, sobre o “Plan de Xestión da materia orgánica” que Concello de Monforte puxo en marcha no pasado ano 2023, a través do colector marrón, que o Concello implantou progresivamente no eido rural, na zona periurbana da cidade, en grandes produtores, e mediante o sistema de cubeo, no eido urbano de Monforte.
Baixo o lema RecicLemos de xeito sostible, o obxectivo destas carpas informativas é dar a coñecer ós veciños e veciñas da cidade as claves dunha axeitada reciclaxe da materia orgánica. Neste senso, é a cuarta campaña de accións en rúa postas en marcha dende o Executivo de José Tomé para este fin, dende a posta en marcha do novo servizo de recollida no ano 2023.
“Coa posta en marcha desta nova campaña informativa”, resalta o Alcalde, José Tomé Roca, “dirixímonos a toda a cidadanía pero especialmente a todas aquelas persoas que nos visitan durante o período estival, que teñen vivenda no Concello pero que non viven habitualmente aquí e que veñen a pasar as súas vacacións a Monforte, para que coñezan este novo servizo e poidan utilizalo.”
Esta nova campaña informativa posta en marcha polo Concello arredor dos residuos orgánicos, iniciarase este luns 22 de xullo, coa ubicación da primeira das carpas na rúa Cardeal. E terá continuidade en diferentes zonas da cidade, concretamente o luns 29 de xullo na rúa Doutor Casares con rúa San Pedro, o xoves 1 de agosto no aparcadoiro da área comercial da rúa Chantada e o luns 5 de agosto no cruce da rúa Florida con rúa Calvo Sotelo.
O horario destas 4 accións informativas de rúa será de 10:30 a 13:30 h.
Éxito do Plan de recollida dos residuos orgánicos de Monforte
O Alcalde salienta o Concello recibiu o premio Vasoira de Platino, o pasado 19 de xuño en Madrid, pola implantación deste Plan de xestión da materia orgánica, “sendo un dos primeiros concellos da provincia de Lugo en facelo, e o que máis recolle actualmente”. O premio foi outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS) no marco da Feira TECMA, Feria Internacional de Urbanismo y Medio Ambiente, que se celebrou en IFEMA do 14 ó 16 de xuño.
Na consecución da que é unha nova Vasoira de Platino para o Concello de Monforte, teñen moito que ver os actuais datos de recollida de materia orgánica que está acadando o Concello. Neste senso, o Concello está levando á planta de San Cibrao das Viñas de media 25.000 quilos ó mes, e tendo en conta que non hai servizo de recollida os domingos, son 1.000 quilos diarios de media os que os monfortinos e monfortinas depositan nos colectores que dende o Concello se habilitan especificamente para elo.
O rexedor monfortino destaca que “somos a cidade que máis recolle, dado que nestes momentos se recolle o mesmo volume de materia orgánica en Monforte como no resto da provincia de Lugo e Ourense xuntas. Por iso, esta nova campaña serve para seguir reforzando este servizo, para que coa axuda dos nosos veciños e veciñas, poidamos seguir mantendo e mellorando estes datos de recollida”.
O Alcalde salienta que estes datos de recollida so atinxen ó que depositan as familias nos colectores de orgánica, xa que ata o mes de setembro non está previsto que se sume a hostalería a este plan de recollida.
Que depositar e que non no colector marrón
A campaña incide nos restos que si se poden depositar no colector marrón, tales como restos de froita e verdura, restos de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, restos de pan, restos de café e infusión, papel de cociña, restos de plantas, tapóns de cortiza...
E tamén salienta aqueles restos que non son idóneos para tal fin: restos de comida envasada, cueiros, compresas, bastonciños de algodón, cabichas e paquetes de tabaco, cápsulas de café, téxtil, papel de aluminio, plásticos e envases, lixo, cabelos...
O Concello de Monforte continúa así a informar sobre o seu Plan de Xestión da Materia Orgánica de Monforte, posto en marcha en 2023.
Este Plan de Xestión da materia orgánica está financiado polo Concello de Monforte e pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.