O Alcalde de Monforte anuncia a convocatoria da IX edición do concurso de atletas e clubs máis destacados do ano 2023

Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de convocar o Concurso para determinar os/as atletas e clubs máis destacados do ano 2023 que se organiza dende a Concellería de Deportes e que este ano alcanza a 9ª edición.

As bases do concurso foron aprobadas na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns 11 de marzo, e recollen, entre outras, as seguintes cuestións:

Categorías e prazos

•   Mellor deportista, masculino e feminino, absoluto do ano 2023

•   Mellor deportista promesa, masculino e feminino, do ano 2023

•   Mellor adestrador ou adestradora do ano 2023

•   Mellor árbitro/a ou xuíz/a do ano 2023

•   Mellor equipo de categoría de base do ano 2023

•   Mellor equipo de categoría absoluta do ano 2023

•   Mellor entidade deportiva na promoción do deporte do ano 2023

•   Premio á deportividade e ó xogo limpo.

Establécese ademais unha categoría denominada “Excelencia Deportiva” que poderá conceder o xurado cualificador a aqueles/as candidatos/as que teñan un historial e uns méritos deportivos sobresalientes. 

A presentación de candidaturas poderán ser feitas polos propios candidatos ou por terceiras persoas e o número de candidaturas por cada propoñente non está limitado.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello, sendo o derradeiro día para presentalas o 29 de marzo de 2024.


Foto de arquivo: O Alcalde presidiu a última edición da Gala do Deporte de Monforte, en xuño de 2023

Documentación

As solicitudes deberán conter, obrigatoriamente, a seguinte documentación:

  • Instancia de solicitude asinada pola persoa interesada.
  • No caso de optar ó premio de mellor deportista, absoluto ou promesa, e mellor adestrador,  relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2023 en campionatos oficiais, indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc...)
  • No caso de optar ao premio a mellor árbitro/a, debe aportarse a relación detallada da súa actividade como árbitro/a – xuíz/a durante o ano 2023.
  • No caso de optar ao premio de mellor equipo, promesa ou absoluto, relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2023 en campionatos oficiais indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc.)
  • No caso de optar ao premio á mellor entidade na promoción do deporte deberase facer unha exposición de motivos na que se fagan constar as razóns polas que deberían ser considerados como entidade deportiva máis distinguida en canto á promoción do deporte no ano 2023.
  • Para participar na categoría de premio á deportividade e ó xogo limpo deberase entregar unha memoria explicativa das actitudes de autoestima, cooperación, responsabilidade e tolerancia no deporte que o candidato mostrou durante a actividade levada a cabo no ano 2023.

A listaxe das candidaturas publicarase cando remate o prazo de presentación de solicitudes e os vencedores e vencedoras de cada categoría daranse a coñecer na “Gala do Deporte monfortino” que se celebrará nunha data aínda por determinar.

       En cada unha das categorías haberá un único vencedor que recibirá un trofeo acreditativo.

       Os participantes non premiados recibirán un agasallo conmemorativo do concurso.

BASES CONCURSO PREMIOS DO DEPORTE CONCELLO DE MONFORTE 2023