O Alcalde anuncia que as entidades deportivas monfortinas poderán solicitar de xeito gratuíto un local no Pavillón polideportivo de A Pinguela


                 Foto de arquivo: Inauguracion do noco Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela en outubro de 2023

Monforte de Lemos, 10 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello porá a disposición de clubs e entidades deportivas monfortinas sen ánimo de lucro 10 locais de propiedade municipal situados no Pavillón Municipal da Pinguela. Ditos locais foron reformados e acondicionados dentro do proxecto de mellora integral de dito pavillón, que o Executivo de José Tomé acometeu en 2023, cun investimento de 4 millóns de euros, e que deu como resultado un pavillón polideportivo único en Galicia na súa categoría.

Neste senso, José Tomé sinala que “debido a que no Concello de Monforte hai un elevado número de entidades que ofrecen servizos deportivos á cidadanía, o cal xera unhas necesidades de xestión administrativa importantes, dende o Concello de Monforte queremos colaborar cos Clubs e Entidades Deportivas poñendo á súa disposición, e de balde, unha serie de locais situados no Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela.”

Para elo, na pasada Xunta de Goberno Local, celebrada o luns 7 de outubro, aprobáronse as Bases reguladoras da convocatoria para o procedemento de cesión de uso de locais de titularidade municipal situados no Pavillón municipal da Pinguela.

Esta convocatoria ven motivada, subliña o Alcalde, “porque existe unha importante demanda de uso dos locais situados no pavillón polideportivo da Pinguela o que fai necesario aprobar un procedemento para regular de xeito ordenado a concesión de uso dos mesmos. Ademais, o tecido asociativo do sector deportivo en Monforte desempeña unha labor fundamental na promoción do deporte entre persoas de tódalas idades, motivo polo cal necesitan acceder a este tipo de locais, desde os que desenvolver a súa labor administrativa e de xestión”.

En total, son 10 locais os que o Concello pon a disposición das entidades e clubs deportivos, de distintos tamaños, cunha superficie media de 21 metros cadrados, que se entregarán baleiros, é dicir, sen mobiliario. Estarán dotados dun punto de conexión a internet.

O Alcalde destaca que “a cesión de uso destes locais é gratuíta, de xeito que as entidades cesionarias non pagará ningún canon polo uso dos locais, porque o noso  obxectivo con esta cesión de uso é o de dar apoio ás necesidades administrativas que teñen os clubs e entidades deportivas da nosa cidade”.

No obstante, as entidades están obrigadas á conservación dilixente dos locais, respondendo dos danos que poidan ocasionar as persoas que compoñen a entidade, e as usuarias, por acción ou omisión, debendo efectuar de xeito inmediato e a ao seu cargo, previa autorización do Concello de Monforte, as reparacións necesarias. Da mesma maneira, as entidades cesionarias faranse cargo da limpeza e mantemento dos locais cedidos.

Unha vez publicadas hoxe 10 de outubro na web do Concello as bases desta convocatoria, o prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, contados dende o día seguinte a dita publicación, é dicir, mañá venres día 11 e ata o xoves 24 de outubro.

 

Requisitos para poder solicitar un local no Pavillón da Pinguela

Poderán solicitar a través desta convocatoria o uso dos locais situados no Pavillón Polideportivo da Pinguela, os Clubs ou Entidades Deportivas legalmente establecidas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas do Concello de Monforte, que non teñan ánimo de lucro, e que leven a cabo a súa actividade deportiva nalgún dos “Pavillóns Polideportivosque o Concello de Monforte oferta para o seu uso durante o ano (Pavillón Polideportivo da Pinguela, Pavillón dos Institutos Río Cabe e Daviña Rei, Pavillón do IES Pinguela e Pavillón do CEIP A Gándara), ou ben na Piscina Municipal.

Considerase que a asociación non ten ánimo de lucro cando así figura nos seus estatutos e non desenvolve ningunha actividade económica ou de desenvolvela, o froito desa actividade destínase única e exclusivamente ao cumprimento das finalidades de interese xeral establecidas nos seus estatutos, sen reparto de beneficios, directos ou indirectos, entre os seus asociados ou terceiros.

As entidades que participen na convocatoria non poderán estar incursas en ningunha das causas de prohibición de contratar establecidas no artigo 71 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, deberán estar ao corrente de pago das obrigas coa Facenda Galega, Facenda Estatal, Seguridade Social e coa Administración Local.

Non poderán solicitar o uso dun local aquelas entidades que xa dispoñan dun local municipal noutra instalación deportiva, ou non deportiva, para os mesmos cometidos.

 

Usos autorizados dos locais, horarios e prazos de cesión

O obxectivo da cesión de uso dos locais é a de dar apoio ás necesidades administrativas que teñen os Clubs e Entidades Deportivas.

Deste xeito o uso autorizado dos locais será o de oficina do club así como de zona de almacenamento de material relacionado coa actividade deste, ou actividades de análogas características.

O uso dos locais cederase polo prazo dun ano prorrogable de xeito automático anualmente ata un máximo de 4 anos.

Unha vez transcorrido o tempo de cesión o Concello de Monforte poñerá en marcha un novo procedemento para a cesión de uso dos locais.

O Concello de Monforte reservase a facultade de recuperar o uso dos locais, en calquera momento, antes de que transcorra o prazo estipulado, por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización.

Todos aqueles clubs aos que lles sexa concedido o uso dun local poderán facer uso deste de luns a domingo entre as 8:00 e as 00:00 h.

Os clubs autorizados poderán acceder á súa oficina, dentro do horario autorizado para o seu uso, aínda que a instalación estea pechada ao público. Neste caso só poderán facer uso da súa oficina, sen poder acceder a ningunha outra dependencia da instalación.

O Concello de Monforte instalará un sistema de control de accesos na porta principal do pavillón para ter un control sobre o acceso dos diferentes usuarios da instalación que teñan autorización.

 

Presentación de solicitudes e documentación necesaria

A presentación de solicitudes realizarase no prazo de 10 días hábiles contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web do Concello de Monforte www.monfortedelemos.es. É dicir, que será dende mañá 11 de outubro e ata o 24 de outubro.

As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do Concello de Monforte ou, se é o caso, nos rexistros e oficinas a que se refire o artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de novembro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

A documentación a aportar será a seguinte:

  1. Modelo de solicitude segundo modelo anexo I
  2. Declaración responsable de non estar incursos en ningunha das causas de prohibición de contratar establecidas polo artigo 71 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, segundo modelo anexo II
  3. Certificados de estar ao corrente das obrigas coa Facenda Galega, Facenda Estatal e Seguridade Social.
  4. Fotocopia do DNI do representante legal da entidade
  5. Certificado de que o club ou entidade non dispón doutro local noutra instalación municipal, segundo modelo anexo III
  6. Programa de actividades previsto para o ano en curso.
  7. Certificado do Secretario da entidade no que conste a seguinte información, segundo modelo anexo IV:
    • Número de socios e socias que ten o club ou entidade deportiva na actualidade.
    • Número total de licencias dadas de alta polo Club na Federación correspondente, na tempada en curso.
    • Número de licencias federativas de categorías inferiores, entendendo como tal as categorías de idade propias da modalidade deportiva ata categoría xuvenil incluída, dadas de alta polo clubs na federación correspondente, na tempada en curso.
    • Relación de actividades non federadas organizadas pola entidade detallando o número de persoas beneficiarias e a súa duración, na tempada en curso.

 

Criterios para o reparto de locais e procedemento

Cada solicitante poderá presentar solicitude de uso dunha única oficina.

A adxudicación de oficinas destinadas a Clubs Deportivos do Concello de Monforte inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas, atenderá aos seguintes criterios:

  • Número de socios e socias que ten o club ou entidade deportiva: ata 10 puntos
  • Número total de licencias dadas de alta polo club na federación correspondente, na tempada en curso: ata 20 puntos
  • Número de licencias federativas de categorías inferiores, entendendo como tal as categorías de idade propias da modalidade deportiva ata categoría xuvenil incluída, dadas de alta polo clubs na federación correspondente, na tempada en curso: ata 20 puntos
  • Organización de actividades deportivas non federadas dirixidas á cidadanía. Neste caso terase en conta o número de persoas que participan na actividade así como a duración da actividade: ata 20 puntos
  • Programa de actividades previsto para o ano en curso: ata 30 puntos

O procedemento polo que se asignará a cesión da utilización dos locais municipais ás entidades solicitantes será de concorrencia competitiva, mediante o cal se pretende garantir o reparto máis equitativo posible entre os solicitantes.

Para elo, Crearase unha comisión de valoración, formada polo Concelleiro de Deportes, o Técnico Municipal de Deportes así como por un un/unha funcionario/a do Concello de Monforte, que será o órgano colexiado encargado de realizar a selección das solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada e das horas de uso de instalacións deportivas asignadas a cada solicitante.

A Comisión, logo de avaliadas as solicitudes, realizará un informe no que se concretará o resultado da valoración efectuada, e polo tanto o reparto de oficinas entre as entidades solicitantes.

 

Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios de uso dalgún dos locais municipais situados no Pavillón Municipal da Pinguela están obrigados ao seguinte:

  1. Á conservación e limpeza dos locais nos termos que sinale o Concello de Monforte.
  2. Os locais cedidos o serán para uso exclusivo pola entidade beneficiaria para aquelas funcións ou actividades descritas na cláusula quinta. Para isto, o Concello de Monforte está habilitado para comprobar en calquera intre o cumprimento da aplicación ao fin para o que foron cedidos, e poderá adoptar para elo cantas medidas de control sexan necesarias.
  3. Utilizar os locais no horario establecido polo Concello de Monforte.
  4. No interior dos locais, e dentro do respecto á autonomía dos Clubs e Asociacións, non se poderán levar a cabo actividades que contraveñan os principios de igualdade das persoas, polo que se prohibe a realización de calquera acto de carácter violento ou que vulnere a dignidade persoal ou discrimine ás persoas ou grupos baseados en raza, sexo, relixión, opinión, orientación sexual ou calquera outro condición ou circunstancia persoal ou sociais.
  5. Queda prohibido o uso dos locais cedidos para a realización de actividades económicas que non estean contempladas nos estatutos da asociación, especialmente aquelas consideradas como molestas, insalubres, dañinas ou perigosas.
  6. Non causar molestias aos demais usuarios de locais cedidos nin á veciñanza nin perturbar a tranquilidade da zona durante os horarios de utilización, adoptando as medidas oportunas establecidas na normativa vixente.
  7. Custodiar as chaves das instalacións e velar por que esta quede pechada cando sexa a última entidade en utilizala.
  8. Os beneficiarios do uso dos locais responsabilizaranse dos danos ocasionados a este ou ao edificio froito da actividade desenvolta.
  9. Devolver o local ao Concello de Monforte cando corresponda a finalización do uso, nas mesmas condicións que se recibiu, salvando o uso normal e dilixente e o menoscabo por este producido.

 

DESCARGA DE DOCUMENTOS:

BASES CESIÓN LOCAIS MUNICIPAIS PAVILLÓN A PINGUELA MONFORTE

ANEXO 1 SOLICITUDE DE LOCAL MUNICIPAL PAVILLÓN A PINGUELA MONFORTE

ANEXO 2 DECLARACIÓN RESPONSABLE LOCAL MUNICIPAL PAVILLÓN A PINGUELA MONFORTE

ANEXO 3 DECLARACIÓN RESPONSABLE LOCAL MUNICIPAL PAVILLÓN A PINGUELA MONFORTE

ANEXO 4 DATOS DA ENTIDADE LOCAL MUNICIPAL PAVILLÓN A PINGUELA MONFORTE