A Tenente de Alcalde e a Subdelegada do Goberno reafirma en Monforte o apoio do Goberno ao sector cultural da provincia, destinando máis de 900.000€ co Bono Cultural Xove

Monforte de Lemos, 10 de agosto de 2023. A Subdelegada do Goberno, Isabel Rodriguez, acompañada da 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, reafirmou hoxe en Monforte de Lemos o apoio do Goberno ao sector cultural da provincia, destinando 928.000 euros co Bono Cultural Xove. “Reforzamos e impulsamos a recuperación dunha industria fundamental para a economía e o emprego en Galicia, que supón o 3% do PIB galego e que, sen dúbida, é unha das fortalezas que temos como país”, afirmou a subdelegada durante a visita a dous establecementos adheridos ao programa, as librarías Pelayo e Entrelibros, para comprobar de primeira mao o impacto desta iniciativa e compartir sensacións coas súas xerentes. Ambas mandatarias valoraron a boa boa marcha do programa do Ministerio de Cultura e Deporte “do que xa se beneficiaron 722 lucenses nesta segunda edición, o 31,12% dos posibles solicitantes da provincia”. Neste sentido, animan aos 2.320 mozos e mozas de 18 anos a que soliciten o Bono “e poidan gozar así das vantaxes de 400 euros destinados ao consumo de cultura”.

Así mesmo, subliñou a Subdelegada que investir en cultura “é investir en educación, en formación e na consolidación dunha sociedade avanzada” por iso manifestou que espera que antes de que remate setembro todos os posibles beneficiarios soliciten o bono “e aproveiten esta magnifica oportunidade agora que estamos no verán, cunha oferta cultural ampla, variada e de calidade”.

En Lugo, hai unha vintena de establecementos inscritos en 8 municipios, entre eles distintas librarías, salas de cine, tendas de produtos dixitais e en liña ou locais especializados en música, entre outros. Con respecto aos negocios adheridos, a subdelegada lembrou que sigue aberto o prazo e convidou ás empresas e entidades culturais da provincia a sumarse rexistrándose na https://entidades-adheridas.bonoculturajoven.gob.es/.

    

Pode solicitarse ata o 30 de setembro

O Ministerio de Cultura e Deporte ofrece 400 euros aos mozos e mozas que teñan ou cumprisen 18 anos este 2023 para acceder a produtos e actividades culturais durante un ano. As persoas interesadas poden solicitalo na páxina web www.bonoculturajoven.gob.es antes do próximo 30 de setembro.

Os interesados deben proceder á súa identificación dixital a través de Cl@ve ou ben a través do seu Certificado dixital. Poden realizar o trámite persoalmente ou a través da representación dun adulto, para o que é preciso achegar o formulario de representación descargable na páxina web, correctamente asinado por beneficiario e representante.

Unha vez concedida a axuda, o importe total abónase nun único pago, en formato de tarxeta prepago virtual nominal que está vixente durante os doce meses seguintes á concesión. Excepcionalmente, poderanse emitir tarxetas físicas se o beneficiario non dispón dun dispositivo móbil compatible. A tarxeta é persoal e intransferible.

 

Tres liñas de axuda

O Bono Cultura Xove divídese en tres apartados para fomentar o acceso a diferentes expresións culturais:

- 200 euros para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais. Por exemplo, entradas e abonos para artes escénicas, música en directo, cine, museos, bibliotecas, exposicións e festivais escénicos, literarios, musicais ou audiovisuais.

- 100 euros para produtos culturais en soporte físico, como libros, revistas, prensa, ou outras publicacións periódicas; videoxogos, partituras, discos, CD, DVD ou Blu-ray.

- 100 euros para consumo dixital ou en liña. Aquí entran subscricións e alugueiros a plataformas musicais, de lectura ou audiolectura, ou audiovisuais, compra de audiolibros, compra de libros dixitais (e-books), subscrición para descarga de arquivos multimedia (podcasts), subscricións a videoxogos en liña, subscricións dixitais a prensa, revistas ou outras publicacións periódicas.