-Co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM) organizan diferentes actos conmemorativos que se estenderán ó longo do mes de marzo.
-O acto central desenrolarase baixo a mensaxe “A igualdade non é flor dun día”, un chamamento a manter vivo o espírito do 8 de marzo durante os 365 días do ano para que a sociedade siga avanzando cara a igualdade real entre homes e mulleres.
-A concentración con motivo do 8M na Praza do Concello, os obradoiros dirixidos a alumnos tanto de primaria coma de secundaria, o teatro ou a posta en marcha da campaña informativa e divulgativa “Monforte pola igualdade”, serán algúns dos protagonistas destes actos conmemorativos.
Monforte de Lemos, 5 de marzo de 2022. O Concello de Monforte e o CIM non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller.
Este venres pasado, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada en representación de José Tomé, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e o Concelleiro de deportes, Xosé Manuel Mougán, deron a coñecer o programa deseñado polo Concello arredor do Día internacional da muller.
O programa este ano vaise desenrolar baixo a mensaxe “A igualdade non é flor dun día”, un chamamento a manter vivo o espírito do 8M durante os 365 días do ano para que a sociedade siga avanzando cara a igualdade real entre homes e mulleres.
O simbolismo da campaña
Segundo a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a elección do lema ten un dobre simbolismo. Por un lado, eleva a voz no día no que se producen máis actos e mostras de apoio á muller e á eliminación de todo tipo de discriminacións por cuestións de xénero, para destacar a importancia de manter prendida durante todo o ano a chama desta data. "Hoxe e sempre debemos cultivar a conciliación, a corresponsabilidade, o respecto... só así, alcanzaremos a meta, que é a igualdade”, asegurou a representante municipal.
Por outra banda, a mensaxe tamén pon en valor o traballo feito. “Se miramos atrás vemos que superamos importantes obstáculos, que a igualdade non é flor dun día, senón froito do esforzo de moitas xeracións ás que debemos tanto. Estamos máis preto, pero como sociedade temos a responsabilidade de seguir dando pasos cara adiante ata acadar o obxectivo. É a obriga de todas e de todos, seguir escribindo un presente e un futuro máis xusto”.
Programa previsto
Mércores 8 de marzo, acto central do Día Internacional da Muller.
O mércores 8 de marzo, ás 12:00 horas, e como é tradición, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez procederá á Lectura do Manifesto na Praza do Concello.
Para simbolizar a importancia de practicar a igualdade todos os días asociarase o lema a unha simboloxía relacionada coas flores, as plantas e as árbores transmitindo a necesidade de coidar, abonar e regar todos os días esta loita para que continúe medrando.
Con este fin, repartiranse no propio acto entre a cidadanía varios exemplares de Plantas da Igualdade que levarán ás súas casas para coidar a diario, do mesmo xeito que teríamos que coidar a igualdade.
Tamén se lle explicará á cidadanía o significado da presencia en diferentes rúas da cidade dunhas macetas de gran tamaño e co lema “A igualdade non é flor de un día” que teñen o fin de lembrarnos a todos a necesidade de promover e practicar a igualdade na vida cotidiá.
Tras a lectura do manifesto, haberá unha actividade participativa na que varios representantes de colectivos sociais, aportarán un puñado de terra ás Plantas da Igualdade lendo en alto a aportación que cada un deles fai de maneira individual con respecto a esta loita que é a de todos.
As plantas da Igualdade tamén se repartirán nos centros educativos entre os nenos e nenas de primaria e infantil fomentando unha educación en igualdade desde idades temperás.
Aínda que este se considera o acto central que coincide coa propia data de conmemoración do Dia da Internacional da muller, dende a Concellería de Muller e Igualdade, deseñaron un amplo programa de actividades que se desenrolarán durante todo o mes e que, na súa maioría, van destinados ás pequenas e pequenos, porque a igualdade ten que tratarse dende a educación e a ensinanza destes valores dende as idades mais temperás.
Na presentación destacouse, que os nenos, un sector da poboación clave, serán protagonistas. Por este motivo se organizan actividades dirixidas ao alumnado de educación primaria e secundaria con un alto valor educativo nas que os nenos e nenas a través de actividades colaborativas, participarán de xincanas coas que se invita aos rapaces a atopar momentos de debate e reflexión sobre a igualdade de xénero.
Estas actividades están financiadas con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2022.
Por outro lado, tal e como se ven facendo en anos anteriores, tamén no 2023 se intensificará a mensaxe de sensibilización pola igualdade, mediante unha campaña dirixida ao público en xeral e que consistirá na presencia de carteleiras en distintas zonas da cidade, así como un vinilo no autobús urbano.
Esta campaña completarase coa iluminación de cor malva e proxección dixital na Torre da Homenaxe do lema “Monforte pola Igualdade” que permanecerá acendida dende as 19:30 h ata as 22:00h do día 8M.
Xa por último, o día 9 de marzo, en colaboración coa Concellería de Cultura desenvolverase no Edificio Multiusos ás 20:15 h a representación teatral “DOCE UVAS, DÚAS MULLERES E UNHA OLIVA” a cargo da Compañía Olivas Negras.
O Concello presenta polo tanto, unha ampla e variada programación coa que pretende simbolizar a necesidade de coidar e cultivar a igualdade, para que continúe florecendo na nosa sociedade.