-A Tenente de Alcalde, Gloria Prada acude acompañada por Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade, José Manuel Mougán Sobredo, Concelleiro de Deportes e Miguel Tomé López, Concelleiro de Medio Ambiente, á presentación da edición de 2023 da festa gastroturística “Estase cocendo”, para mostrar a seu apoio aos organizadores do evento gastronómico.
-Gloria Prada, que asistiu ao evento en representación do Alcalde, José Tomé, ante a súa imposibilidade de chegar a tempo á cita, por motivos de axenda, quixo agradecer e poñer en valor o traballo que a Asociación de Hostaleiros de Lugo está a facer para conseguir que un ano máis, esta iniciativa sexa un éxito.
- Este ano, que estivo dedicado ao matriarcado, foi homenaxeada Benedita Sánchez Vila que conquistou ao público asistente coa súa sinxeleza e sabedoría e declarou mostrarse abraiada polo cariño que os presentes lle mostraron.
Monforte de Lemos, 5 de marzo de 2023. Onte as 18:30 h a Asociación de Hostalería de Lugo presentou o programa que vai a desenrolar durante este mes de marzo con motivo da celebración da XV edición do “Estase cocendo”. Ó acto acudiron varios representantes do Equipo de Goberno que quixeron apoiar a iniciativa e agradecer o traballo que se está a facer desde a asociación porque tal e como declarou Gloria Prada, “supón un importante impulso económico e turístico para a Ribeira Sacra.”.
A Tenente de Alcalde reafirmou o compromiso do Equipo de Goberno en seguir apoiando esta iniciativa porque tal e como explicou “é un evento de gran importancia para contribuír á dinamización da nosa hostalería”, e subliñou a coincidencia de criterio de selección do motivo da homenaxe que se fixo, que non foi outro que o matriarcado galego, que supón, tal e como afirmou Gloria Prada, “un merecido recoñecemento a todas esas mulleres que afrontaron durante anos o peso e a responsabilidade, de liderar o benestar familiar a todos os niveis, especialmente, ás mulleres de xeracións anteriores, ás aboas”.
Gloria Prada tamén quixo poñer en valor a figura da invitada de honor, Benedita Sánchez, que en palabras da Tenente de Alcalde “representa a reivindicación da independencia, da liberdade e da loita por saír cara adiante, nun tempo que non soubo valorar o papel feminino na sociedade, nin recoñecerlle a súa importancia”.
No acto, o Presidente da Asociación de Hostalería, Cheché Real, explicou as actividades que se van a desenrolar durante este mes de marzo dentro da campaña gastroturística “Estase Cocendo” e que consisten nun amplo abanico de eventos que van dende a posibilidade de degustar cocido en tódolos restaurantes da Ribeira Sacra participantes da iniciativa, ata unha quedada de motos que se celebrará o domingo día 12 as 10:30h na explanada dos Escolapios.
Tamén se realizarán visitas guiadas á zona monumental tódolos sábados deste mes, que rematan con unha degustación de viño da Ribeira Sacra e como remate da programación, o 25 de Marzo celebrarase o II Aquelarre de meigas no que todas as participantes que o desexen, poden ir a comer o cocido vestidas de bruxas e asistir as 20:00h ao aquelarre na Praza de España para facer o recorrido ata o Parque dos Condes, onde se escollerá a Meiga maior e a Meiga menor.
A continuación, concedéuselle o recoñecemento a Benedita Sánchez como invitada de honor que foi, sen dúbida, a gran protagonista do evento, cultivando coa súa espontaneidade e sinxeleza a tódolos presentes.
Gloria Prada, en nome do Alcalde, convidou a todo o mundo a que durante este mes de marzo, se acheguen aos diferentes establecementos da zona, para degustar o prato protagonista que é o Cocido, un prato tradicional tan representativo dos galegos.