Teatro este xoves no Multiusos de Monforte con Unha inimiga do pobo, da compañía Talía Teatro

Monforte de Lemos, 23 de outubro de 2023. O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.

Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 26 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Unha inimiga do pobo, da compañía Talía Teatro, obra escrita por Henrik Ibsen, dirixida por Tito Asorey e cun elenco artístico formado por Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Dani Trillo, Artur Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Marta Lado e María Ordóñez.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Unha inimiga do pobo é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. Cento corenta anos despois da súa creación, o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa. A rabiosa actualidade do texto próbase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX volvéronse máis profundos e daniños no século XXI.

Sinopse

Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa xunto ao seu compañeiro. Embarazada de cinco meses, afronta o seu novo estado coa ilusión por un novo proxecto profesional co balneario que ela mesma deseñou e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable.

A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza que ve como se pon en risco a prosperidade para toda a comunidade.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será O porco de pé da compañía Producións Teatrais Excéntricas que terá lugar o xoves 9 de novembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.