Monforte de Lemos, 13 de xaneiro de 2023. O Concello de Monforte, informa de que dende o vindeiro luns 16 de xaneiro, non será posible utilizar os aparcamentos laterais da rúa Curros Enríquez.
O motivo é debido ós traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento de Monforte. E en concreto, esta actuación prevista para a vindeira semana, lévase a cabo nunha rúa de titularidade municipal que non require permiso de outras administracións, tan só do concello monfortino, o cal permite axilizar e avanzar nos traballos de instalación de dita tubaxe.
Deste xeito, a Policía Local procederá a colocar a correspondente sinalización e informar ós veciños da rúa mediante carteis, da prohibición de aparcar na mencionada rúa, a ambos lados da mesma.
A previsión é que os traballos se desenvolvan o longo de toda a próxima semana. Tamén se prevé que poida haber algún corte ó tráfico de vehículos, pero en momentos moi puntuais.
O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que “esta actuación, que sigue o seu curso tras ser iniciada no pasado mes de novembro, supón un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”, e recorda que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable”.
Obras de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento
Estes traballos iniciáronse a finais do pasado mes de novembro de 2022, e consisten dotación dunha nova tubería xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, cun investimento de 1,7 millóns de euros.
O inicio das obras tivo lugar na zona do Campo de fútbol de Ribasaltas, e a obra vai avanzando en dirección á cidade, dende os depósitos do Cornado, e vai desenvolvéndose por tramos.
Acordo para instalar a nova tubaxe na rede xeral abastecemento
O acordo asinado polo Alcalde coa empresa Aqualia para a instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento da cidade, obedece á execución do cumprimento parcial da sentenza nº 269/2021, de 30 de decembro, do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, na que se ordenou á empresa Aqualia a execución de inversións incluídas no seu Plan de Investimentos para o Concello de Monforte, por un importe de 1.671.671,22 euros, que sumando os intereses de demora, ascende a 1.784.831,44€.
O proxecto que acomete Aqualia denomínase “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte” e consiste na construcción dunha nova tubería xeral na rede de abastecemento, de fundición, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente.
“Deste xeito, teremos desdoblada a Rede Xeral de Abastecemento, dado que teríamos 2 tubaxes, a actual e a nova tubaxe, e así evitamos as reiteradas roturas na actual tubaxe de fibrocemento, xa que a nova de fundición é moi difícil que teña unha avaría deste tipo”, explicou no seu momento o Alcalde.
Ademais, engadiu José Tomé, “a estas dúas posibilidades de abastecemento hai que sumar unha terceira, xa que nas proximidades de Juan Montes, xa foi construído un bypass para conectar a antiga traída de Pacios de Veiga”.