Mañá arrinca a 2ª edición do Ciclo de Concertos de Grupos de Monforte organizado polo Concello

Monforte de Lemos, 22 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia que tal e como está previsto no programa do Verán Cultural do Concello, mañá mércores 23 de agosto, dará comezo a segunda edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos.

Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na nosa programación de verán de 2023, apostando decididamente por darlle protagonismo á actuacións de grupos monfortinos”, subliña o Alcalde.

Neste senso, o ciclo é “unha aposta decidida do Concello por dar visibilidade e poñer en valor ós nosos grupos musicais, que ademais contarán cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”.

O ciclo desenvolverase mañá mércores 23, o xoves 24, o luns 28, o martes 29 e rematará o mércores 30 de agosto.

Ó igual que na edición anterior, tres serán as ubicacións nas que 11 grupos monfortinos desenvolverán as súas actuacións musicais:  a Praza da Compañía, a Praza da Estación e a Praza de España.

 

Os grupos monfortinos protagonistas deste ciclo serán:

  • O mércores 23 de agosto: Cero 2 Cero (22:30 h.) e Los Jinetes del Trópico (00:00 h.), na praza da Estación.
  • O xoves 24 de agosto: Dinosaurios (22:30 h.) e Doc Magoo's (00:00 h.), na Praza da Compañía.
  • O luns 28 de agosto: Dúo contrabaixo e voz- Gonzalo Herrero y Diana Tarín (22:30 h.) e  Movilla y Los Irrepetibles (00:00 h.), na Praza da Compañía.
  • O martes 29 de agosto: Galga Blues Band (22:30 h.) e The Poet`s Silence (00:00 h.) na Praza de España.
  • E o mércores 30 de agosto: Bella Chaos (22:30 h.), Vera Lynn (23:45 h.) e El Tarot de Toth (01:00 h.), na Praza da Estación.

 

Este ciclo de concertos é “unha aposta firme do Concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan”, sinala o Alcalde. “En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no Programa do Verán Cultural, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.