Monforte de Lemos, 21 de novembro de 2023. O teatro continúa esta semana en Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.
Deste xeito, o salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o sábado 25 de novembro a partir das 8 da tarde unha representación teatral con entrada libre e gratuíta dirixida a todos os públicos.
O espectáculo, que leva por título "A autopista" será posto en escena polo grupo de teatro de Chantada Argalleiras.
O elenco de Argalleiras está conformado por Ana María Bermúdez, Alelí Taboada, Mila R. de Arriba, María José Rodríguez, Ángeles Vázquez e Lucas Regal. A montaxe, coordinación e dirección é de Francisca Abeledo..
Sinopse
A construción dunha autopista case pegada a casa de dúas irmás, vai afectar á súa cotidianidade e á súa maneira de ver o futuro. Engádese aos conflitos a aparición dos seus antepasados que tamén opinarán sobre o futuro. E para liar o asunto, a intervención da compañía Spectrum conducirá ao cómico desenlace final que quizais non é a mellor solución aos seus problemas, pero é unha maneira de seguir adiante..
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Contos Arraianos da compañía Sarabela Teatro que terá lugar o xoves 30 de novembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.