A Tenente de Alcalde presenta o Mercado de Nadal que abrirá durante dúas fins de semana na praza de Abastos de Monforte

Monforte de Lemos, 15 de decembro de 2023. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, presentou hoxe en rolda de prensa, o programa de actividades do Mercado de Nadal 2023, que abrirá as portas na Praza de Abastos, o vindeiro venres 22 de decembro. Trátase dunha proposta de animación, con actividades para nenos e nenas, e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía, coa celebración dun mercado de produtos de Nadal. Estivo acompañada polo concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, destaca que “fomentar as compras desta época nas tendas de Monforte, no noso comercio local, para o que fusionaremos animación e ocio co comercio, nas instalacións dos mercados, como xa vimos facendo nas últimas edicións, unha oferta atractiva de ocio e animación para todos os públicos, ó mesmo tempo que se fan os mercados de tempada”.

Prada subliñou que “continuando cunha novidade incorporada o pasado ano polo Concello e que funcionou moi ben, cada un dos sábados 23 e 30, como colofón ó Mercado de Inverno, celebraremos dous concertos a cargo de grupos musicais monfortinos na rúa Cardenal que animarán as rúas comerciais e á hostalería dende as 8 da tarde. Serán os grupos Doc Magoo’s e  Malenne”.

 

Mercado de Nadal 2023 de Monforte

Deste xeito, O Mercado de Nadal de Monforte, celebrarase durante dous venres e dous sábados consecutivos deste mes de decembro, concretamente os días, 22, 23, 29 e 30. Para elo o Concello decorará e ambientará as instalacións da Praza de Abastos, lugar en que se ubicará este Mercado de Nadal, converténdoa nun escenario navideño, cheo de luces e decorados propios destas datas, para o disfrute dos visitantes ó Mercado.

Os horarios de apertura do Mercado de Nadal serán de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

No Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abano de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade. Calcúlase a participación de entre 10 e 12 postos por día.

Ademais, todos os días do Mercado de Nadal haberá, tanto pola mañá como pola tarde, diversas actividades coma obradoiro de cociña/Showcooking, contacontos, obradoiros de artesanía e de personalización e pintura de bolas de Nadal ou un espectáculo de maxia.

O Alcalde,  José Tomé Roca, anima “a todos os monfortinos e ás persoas que nos visiten estes días, que acudan ó noso Mercado de Nadal, que aposten por mercar no comercio local e disfruten da nosa hostalería, e participen neste completo programa de actividades que desenvolveremos na Praza de Abastos e na rúa do Cardenal”.

 

Actuacións na rúa do Cardenal para animar ó comercio e á hostalería

O sábado 23 e o sábado 30, e como complemento e colofón a este Mercado de Nadal, terá lugar a actuación dous grupos musicais nun escenario ubicado na rúa Cardenal, que animarán ás rúas comerciais e os negocios de hostalería.

O sábado 23, a partir das 20:00 horas, fará a súa actuación o grupo monfortino Doc Magoo’s e o sábado 30 será a quenda de Malenne.

 

Programa completo de actividades

Venres 22 de decembro

12:00 h.- Obradoiro de artesanía.

18:30 h.- Obradoiro de cociña/Showcooking Navideño no Espazo gastronómico da Praza. Aportaranse ideas de menús navideños coa elaboración de catro tapas diferentes a cargo do Chef Manuel Rodríguez: “Mejillones con langostinos y setas en escabeche casero”, “Aguacate con pico de gallo mexicano y tartas de gamba arrocera”, “Taco de merluza con nabizas y panceta curada” e “Solomillo de cerdo duroc con crema de patata y tierra de setas de temporada”.

 

Sábado 23 de decembro

12:00-14:00 e 17:30-20:30 h.- Visita de Papa Noel. Terá ubicada a súa Trona nas instalacións do Mercado da Praza de Abastos, e atenderá ós nenos e nenas en pases de mañá e tarde.

20:00 h.- Actuación musical na rúa Cardenal a cargo de Doc Magoo’s.

 

Venres 29 de decembro

12:00 h.- Obradoiro de artesanía.

18:30 h.- ContacontosUn saco de contos” con María da Pontragha. Espectáculo de contos e música de historias da nosa cultura e tradición. María da Pontragha é educadora e antropóloga, dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en sí. No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade.

Co seu espectáculo Un saco de contos leva contos e cancións de tradición oral para crianzas. Historias que beben da nosa herdanza cultural e cos que sementa as leiriñas das familias para que medren vizosas.

 

Sábado 30 de decembro

12:00 h.- Obradoiro de personalización e pintado de Bolas de Nadal a cargo do artesá Noe.

18:30 h.- Espectáculo de maxiaWhy Not?2.0?” con Samuel Moreno, artista de Tomiño con gran talento e que chegou a semifinais de "Got Talent España" na edición do 2018. Ata este momento actuaba en eventos privados pero a partir dese ano despega actuando en diferentes eventos e locais de toda España.

En "Why Not? 2.0?" Samuel mestura maxia con música, tecnoloxía e humor. Diversión e interacción cos asistentes para achegar o ilusionismo a maiores e pequenos nun espectáculo ideal para público familiar.

20:00 h.- Actuación musical na rúa Cardenal a cargo de Malenne.