Monforte de Lemos 6 de abril de 2023. O Equipo de Goberno xa ten listos os preparativos para que esta fin de semana do 8 e 9 de abril, a cidade retorne ó seu pasado medieval, a través da celebración da XIX edición da Feira Medieval de Monforte.
- Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, afirma que “dado que as previsións climatolóxicas son boas, prevemos unha gran afluencia de público, algo que tamén se constata na porcentaxe de ocupación de prazas hoteleiras”.
- Por iso, o rexedor monfortino anima á participar na Feira Medieval a todos os monfortinos e a todos aqueles que visitan a cidade e a Ribeira Sacra nestes días e confía en ”que este ano a Feira Medieval volva a ser un éxito, porque a implicación da xente é máxima e a evolución nos últimos anos da Feira así o demostra”.
- Con esta edición nº 19 a Feira Medieval está cada vez mais preto de acadar as 20 edicións e que se recoñeza a súa condición de Feira de Interese Turístico de Galicia e tal e como afirmou José Tomé, “imos seguir traballando para poder celebrar todos xuntos ese acontecemento”.
Éxito no número de inscricións para os concursos da Feira Medieval
A participación nos Concursos que o Concello organiza entorno á Feira Medieval, ten cada vez mais participantes alcanzándose este ano a cifra máis alta de participación dende que se fai a convocatoria vía rexistro. No concurso de balcóns están inscritos o dobre de participantes que o ano pasado, tamén aumentou este ano o número de establecementos que concursan no apartado de decoración e ambientación de establecementos e hai 15 solicitudes para participar no concurso de traxes de época en diferentes categorías.
Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios. A decisión do xurado sobre os gañadores destes tres concursos farase pública o domingo, día 9 de abril ás 19 h na Praza de España, no transcurso da propia Feira Medieval.
Espazos e actividades consolidados
O Campamento Medieval ubicado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo. Estes cabaleiros encargaranse de vixiar a feira e realizar levas entre as xentes para a súa instrución militar. E o campamento será presidido polos Xigantes dos Condes de Lemos, que tamén serán instalados nesta praza, logo de que os restauráramos para facelos máis estables, coa instalación de rodas.
Ás 12 horas da mañá do sábado 8 de abril uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ao saúda do Alcalde para declarar aberta a XIX Feira Medieval de 2023 de Monforte.
Do mesmo xeito, tras o saúda do Alcalde, e por quinta vez consecutiva, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.
O Alcalde resaltou tamén que “mantemos unha completa Programación infantil para facer que os máis pequenos se interesen por estas celebracións medievais, ubicando o Campamento Infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, obradoiros, torneos e atraccións medievais para os máis pequenos. Queremos que este campamento infantil sexa un atractivo máis para os nenos e as nenas, para que se sintan protagonistas da Feira Medieval implicándose co evento de cara ó futuro”.
Por outra banda, dende a organización municipal consolidouse a ubicación do espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Falcóns Galicia” que este ano vaise volver a realizar no Campo de San Antonio, por ser unha zona cun espazo libre de cables que non dificultan o voo e que polo tanto non provocan estrés nas aves.
Mantense un dos espectáculos máis atractivos e que gustan moito ó público, como son as Xustas Medievais, desenvoltas por “Hípica Celta”, que atraen sobre todo ó público máis xoven e cada ano enche de público o campo de terra dos Pais Escolapios. Este espectáculo que alcanza a súa 7ª edición, consolídase coma outro dos atractivos da Feira, e terá como actuación central, tanto o sábado coma o domingo ás 6 da tarde, un Gran Torneo Medieval, un espectáculo que incluirá variacións con respecto ós últimos anos, con rotura de lanzas, combates de espadas, nomeamento de vencedores e música ó vivo.
“Ó mesmo tempo, queremos que os espectáculos de lume sigan tendo un protagonismo importante na Feira Medieval, e correrán a cargo de diferentes agrupacións que sairán da praza de España percorrendo as principais rúas da feira, na tarde do sábado”, subliñou José Tomé.
Polo tanto, este ano volverá a ter protagonismo o espectáculo ideado para a praza Luis de Góngora na noite do sábado 8 de abril, un espectáculo de pura acción onde se combinan técnicas de manipulación de lume, música ó vivo, a acrobacia, a maxia e a pirotecnia fría, dando como resultado un mundo misterioso e apaixonante como é o dos trasnos e das meigas. Este espectáculo culminará cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado.
Novas actividades
O Alcalde tamén deu conta das novidades que ano a ano implementa o Equipo de Goberno no programa da Feira Medieval, e que pretenden facer máis atractivo o evento e consolidalo como unha referencia cultural e turística que cada vez atraiga a máis visitantes.
Dado o éxito da actividade do sábado pola noite na que os visitantes suben ata San Vicente, este ano consolídase o número de fachos utilizados para esta actividade que o ano pasado se incrementaron nun 100% máis que na anterior edición e que serán repartidos no Campo da Virxe e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta de faroliños de papel como en anos anteriores. Neste senso, tamén se mantén o número de faroliños do ano 2022 despois de incrementarse o número a 500 unidades o que supón un 150% máis que en edicións anteriores.
Haberá tamén un aumento dos espectáculos na rúa que garantizarán música e animación durante as dúas xornadas de Feira.
Unha das principais novidades deste ano será a incorporación o sábado ás 20:30 dun espectáculo itinerante “AS LENDAS” onde persoaxes de mitos e lendas cobran vida e interactuan co público e que nos farán vivir unha experiencia inesquecible chea de música, acción e animación constante.
Tamén se presenta como novidade a decoración polas rúas da feira que se vai cambiar e aumentar, resaltando a nova decoración da Ponte Vella baseada nunha heráldica da armería en pedra do Val de Lemos e novos pendóns decorando o Concello na Praza de S. Antonio. Ademáis, este ano auméntase a decoración das Rúas Pescadería e Praza da Alcazaba e tamén a Rúa A Calexa.
Neste senso, o Alcalde recoñeceu a labor da Asociación de Artesáns de Monforte, unha colaboración importante que ten o Concello para a celebración da Feira Medieval, xa que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas.
Admitidos 130 postos no Mercado Medieval
Respecto do Mercado Medieval, que é outro elemento indispensable nesta Feira, o Alcalde resaltou “o gran aumento de solicitudes que se produxo este ano formalizándose o número de 148 solicitudes de postos de venda e gastronomía para a súa participación na Feira e destes, foron admitidos 130, 27 postos mais que o ano 2022. Dos postos admitidos, 43 son postos de venda de produtos alimentarios e paradas gastronómicas, 57 artesáns/ás con carta de artesanía ou acreditación correspondente, e 30 postos de comercio. A todos eles, o Alcalde quixo agradecerlles a súa participación e implicación coa Feira.
Os postos de alimentación estarán distribuídos entre a venda de produtos gastronómicos que irán ubicados no interior do espazo dos mercados, o que se chama Zoco Gastronómico, e o resto das paradas gastronómicas distribuirase ó longo de todo o traxecto, sendo o zoco central destas paradas o atrio da igrexa da Régoa.
Cabe destacar que este ano colocaránse novos postos e zonas de parada gastronómica coas decoracións correspondentes da Feira medieval, nas rúas Pescaderías e a rúa Aberlardo Baanante e colocaranse máis postos hacia o Campo San Antonio
Tamén José Tomé aproveitou para animar ós establecementos de Monforte, tanto do comercio como da hostalería a que fagan un esforzo en decorar os seus establecementos e a vestimenta medieval durante estes 2 días para realzar este evento e tal e como afirmou o rexedor “creo que hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 8 e 9 de abril esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do resto do Estado, ós que convidamos a compartir con nós este evento que está a piques de chegar ás 20 edicións, que lle vai permitir ser declarado Feira de Interese Turístico de Galicia.