O Concello de Monforte conmemora hoxe o Día Mundial sen Tabaco

-A Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Monforte instalará unha mesa informativa no Centro de Saúde con motivo deste día, para ofrecer aos cidadáns folletos e guías sobre o risco para a saúde e os beneficios económicos, ademais dos sanitarios, que poden conseguirse o abandonar o consumo.

-O Concello iluminará como actividade adicional a Torre da Homenaxe de cor vermella para lembrarlle a todos os cidadáns os beneficios dun mundo sen tabaco.

-O lema da campaña internacional deste ano 2023 céntrase no cultivo sostible de alimentos en lugar de tabaco. Con ela preténdese animar aos gobernos para poñer fin ás subvencións para o cultivo de tabaco e cambiar a cultivos mais sostibles que melloren a seguridade alimentaria e a nutrición.

-Tamén, dentro das actividades realizadas pola UAD poderá visitarse unha exposición na Casa da Cultura de Monforte con traballos realizados por usuarios de Centros de Día e Asociacións de toda esta zona. Esta exposición permanecerá aberta do 31 de maio ata o 16 de xuño.

-A través da UAD, ofrécese cumprida información e asesoramento sobre o tabaco e sobre como deixalo.

Monforte de Lemos, 31 de maio de 2023. O Concello de Monforte súmase ó Día Mundial sen Tabaco, que se celebra hoxe mércores 31 de maio.

O Día Mundial Sen Tabaco celébrase en todo o mundo para informar ó público acerca dos perigos que supón o consumo de tabaco, as prácticas comerciais das empresas tabacaleiras, as actividades da OMS para loitar contra a epidemia de tabaquismo, e o que as persoas de todo o mundo poden facer para reivindicar o seu dereito á saúde e a unha vida sa, e protexer ás futuras xeracións.

O lema neste ano é “Cultiva alimentos, non tabaco”. A campaña ten por obxectivo sensibilizar aos gobernos para poñer fin a subvencións e axudas destinadas ao cultivo de tabaco e utilizar eses recursos para axudar aos agricultores para cambiar a cultivos mais sostibles que melloren a seguridade alimentaria e a nutrición.

A variable clave para medir o éxito da campaña sería o número de gobernos que se comprometesen a poñer fin ás subvencións ao cultivo de tabaco.

A Asemblea Mundial da Saúde instituíu o Día Mundial sen Tabaco en 1987 para chamar a atención mundial cara á epidemia de tabaquismo e os seus efectos letais. A celebración deste día é unha oportunidade para destacar mensaxes concretas relacionadas co control do tabaco e fomentar a observancia do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco. O consumo de tabaco é a principal epidemia previble á que se enfronta a comunidade sanitaria.

 

Actividades da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD)

Dentro das actividades realizadas pola Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Monforte, poderá visitarse unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, composta por traballos realizados por usuarios de Centros de Día e Asociacións de toda a comarca de Lemos. A exposición permanecerá aberta dende o 31 de maio ata o 16 de xuño.

Ademais, a UAD instalará unha mesa informativa no Centro de Saúde en colaboración coa AECC, con motivo do Día Mundial sen Tabaco, para ofrecer aos cidadáns folletos e guías sobre o risco para a saúde e os beneficios económicos, ademais dos sanitarios, que poden conseguirse ao abandonar o consumo.

Para máis información os interesados poden dirixirse aos servizos de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependendias do Concello de Monforte, situados na Praza da Estación, 17, no  teléfono 982 400 495 e no correo electrónico uad@concellodemonforte.com