O Alcalde da a coñecer o Cartel e o vídeo promocional da Feira Medieval de Monforte de Lemos que vai ter lugar os vindeiros 8 e 9 de Abril no casco histórico de Monforte. Estes son dous elementos fundamentais para a promoción da que será a edición número XIX da nosa Feira medieval que se puido recuperar o ano pasado logo de dous anos de ausencia motivado pola pandemia do Covid 19.
Despois destes tempos difíciles onde a pandemia alterou o cronograma da Feira Medieval para acadar as XX edicións, temos que adaptarnos a esta nova realidade e seguir sumando novas edicións ata acadar a desexada vixésima edición que terá lugar no próximo ano 2024.
Tal e como manifestou o Alcalde, José Tomé “neste ano 2023 e unha vez consolidada a nova normalidade tratamos de ir organizando os elementos emblemáticos do noso concello con mais forza para volver a atraer ao público que nos acompañaba en edicións anteriores á pandemia e mesmo o pasado ano 2022 houbo unha masiva asistencia de público”.
“Estes dous elementos promocionais que damos hoxe a coñecer, como son o cartel e o vídeo oficial da Feira Medieval, teñen ó noso modo de ver as seguintes características:
- O cartel da XIX Edición da Feira Medieval de Monforte foi deseñado conxugando varios elementos que para nós son claramente centrais da nosa feira como son a TAU, A Torre da nosa Muralla Medieval, armaduras e xustas medievais, que transmiten toda a forza dos defensores da Fortaleza de San Vicente do Pino, recuperando esta imaxe para a feira medieval.
Vaise distribuír por toda a cidade de Monforte pero tamén por toda Galicia a través dunha empresa contratada ao efecto, poñendo especial fincapé nos próximos eventos que vai haber na nosa comarca como é a feira do viño de Chantada e a Feira de Amandi en Sober.
- O segundo elemento que presentamos é o vídeo promocional para este ano 2023, que faremos circular polas redes sociais, no mupi da Rúa Cardenal, na páxina web do Concello e en diferentes soportes dixitais tratando de acadar a máxima difusión posible deste evento, que está a piques de chegar á XX edición o que nos vai permitir solicitar da Xunta de Galicia a Declaración de Feira de Interese Turístico Galego.
- Co vídeo promocional queremos celebrar a volta á normalidade continua da Feira Medieval e celebrar novamente esa normalidade que se nos arrebatou fai 3 anos.
Dende o Concello entendemos que celebrar a Feira, equivale a celebrar a vida, porque eso é o que toca agora tal como destaca o audiovisual, toca vibrar todos xuntos coas actividades da Feira”.
O vídeo corporativo que se propón este ano foi novamente feito pola produtora Monfortina Amanita Studio.
A proposta xira en torno a un rei que afouta ó seu pobo a unirse a unha das festividades máis importante que se celebra en Monforte de Lemos. Coa súa impoñente voz vai guiando ó espectador nun crescendo de ritmo, vivacidade e epicidade coma non se vira en pasadas propostas
Cabe poñer en valor, e moito, que o actor que da vida ó rei é Borja Luna, un dos actores máis importantes do panorama español que destacou polo seu papel na serie de Netflix (Las chicas del Cable) , pola súa participación en filmes tan importantes como Animales sin Collar ou Salvajes, el cuento del lobo e que ademáis , non pode estar máis de actualidade xa que o vindeiro 17 de Marzo estrea Sin huellas a última serie de Amazon Prime.
A rodaxe tivo lugar no emblemático interior do Colexio dos Escolapios de Monforte e fíxose en dúas intensas xornadas de gravación. Cabe destacar tamén a aportación de Pedro A. Valderrey que colabora aportando todo o vestiario que luce na peza e que sen dúbida aporta un salto enorme de calidade e autenticidade. Pedro colabora asiduamente co Concello nos días nos que se celebra a Feira Medieval.
E para que este cóctel de poderosas imaxes e a presenza de Borja Luna resalte se cabe máis, hai que salientar a música, realizada polo compositor asturiano Pedro Acevedo. Todo isto, unido á xenerosidade do pobo monfortino que nos permitiron gravalos durante a festividade, da como resultado unha peza profesional , viva e épica, fiel reflexo da grandeza da Feira Medieval.
Pero a proposta deste ano é, sobre todo unha proposta adicada ás persoas que tal e como afirmou Tomé “son a razón principal pola que cada ano traballamos para mellorar a Feira Medieval e converternos nunha das celebracións mais esperadas do ano, tanto en Monforte como na Ribeira Sacra”.
O Alcalde explicou que “con esta cartel e con este vídeo queremos facer unha campaña igual de intensa que a que fixemos no pasado ano 2022. Con estes dous elementos e a difusión que lles imos dar queremos que a xente inclúa a Feira Medieval dentro da súa previsión de descanso e de ocio para as vacacións de Semana Santa e que contemplen a Monforte como un posible destino vacacional”.
O rexedor subliñou que “como facemos con todos os eventos, dende o equipo de goberno levamos tempo preparando esta nova edición da feira medieval e mantivemos contactos e reunións preparatorias con asociacións, colectivos, comerciantes, artesáns e hostaleiros para que coa axuda de todos eles, compoñer un programa do que vai saír a XIX edición da Feira medieval de Monforte”.
Unha boa mostra de que o traballo de promoción que se fixo dende o Equipo de Goberno deu bos resultados é que este ano hai mais de 150 solicitudes para a instalación de postos o que supón un número moi alto en relación con eventos doutras cidades, sendo o mais elevado de todas as edicións anteriores da Feira Medieval de Monforte.
Isto pon de manifesto que a Feira Medieval de Monforte sigue sendo un referente dentro do calendario de eventos de Galicia, que interesa participar nela e que polo tanto, tal e como dixo o Alcalde, “estamos seguros que se seguirá consolidando cada ano mais”.
Outro elemento importante de promoción da feira será o Programa, que o Equipo de Goberno dará a coñecer durante a inauguración do mercado medieval que terá lugar os días 25 e 26 de marzo na Praza de Abastos, como xa ven sendo habitual, mercado co que pretenden animar as ventas de produtos relacionados coa feira medieval.
José Tomé rematou a presentación afirmando que “tal e como comprometín, como Alcalde, traballamos para impulsar e promocionar con todo o esplendor a nosa Feira Medieval que sen dúbida tamén vai supoñer unha importante inxección económica para a nosa hostalería, o noso comercio e noso turismo. Con esta edición XIX xa só queda un ano para acadar a XX edición para que se recoñeza con xustiza a condición de Feira de Interese turístico de Galicia tal como dicía anteriormente”.