O Alcalde de Monforte anuncia a convocatoria da VIII edición do concurso de atletas e clubs mais destacados do ano 2022

- A Concellería de Deportes do Concello de Monforte ven de recuperar o concurso para premiar os méritos dos atletas e clubs do Concello, despois dun parón motivado pola pandemia da Covid-19.

-O prazo para realizar a solicitude de inscrición permanecerá aberto ata o día 24 de marzo no Rexistro xeral do Concello de Monforte.

-A convocatoria deste concurso tal e como salienta o Alcalde, José Tomé Roca, “é a confirmación da recuperación das actividades propias do calendario anual de eventos do noso Concello, cumprindo así co noso compromiso de volver a recuperar a normalidade continua fronte a covid-19”.

 

Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a recuperación do Concurso de atletas e clubs mais destacados do ano 2022 que se organiza dende a Concellería de Deportes despois  do parón sufrido nesta convocatoria por mor da pandemia da Covid-19.

As bases definitivas recollen, entre outros, os seguintes aspectos:

Categorías

•   Mellor deportista, masculino e feminino, absoluto do ano 2022

•   Mellor deportista promesa, masculino e feminino, do ano 2022

•   Mellor adestrador ou adestradora do ano 2022

•   Mellor árbitro/a ou xuíz/a do ano 2022

•   Mellor equipo de categoría de base do ano 2022

•   Mellor equipo de categoría absoluta do ano 2022

•   Mellor entidade deportiva na promoción do deporte do ano 2022

•   Premio á deportividade e ó xogo limpo.

Establécese ademáis unha categoría denominada “Excelencia Deportiva” que poderá conceder o xurado cualificador a aqueles/as candidatos/as que teñan un historial e uns méritos deportivos sobresalientes. 

A presentación de candidaturas poderán ser feitas polos propios candidatos ou por terceiras persoas e o número de candidaturas por cada propoñente non está limitado.

As solicitudes deberán conter, obrigatoriamente, a seguinte documentación:

•   Instancia de solicitude asinada polo interesado.

•   No caso de optar ó premio de mellor deportista, absoluto ou promesa, e mellor adestrador,  relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2022 en campionatos oficiais, indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc...)

•   No caso de optar ao premio a mellor árbitro/a, debe aportarse a relación detallada da súa actividade como árbitro/a – xuíz/a durante o ano 2022.

•   No caso de optar ao premio de mellor equipo, promesa ou absoluto, relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2022 en campionatos oficiais indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc.)

•   No caso de optar ao premio á mellor entidade na promoción do deporte deberase facer unha exposición de motivos na que se fagan constar as razóns polas que deberían ser considerados como entidade deportiva máis distinguida en canto á promoción do deporte no ano 2022.

•   Para participar na categoría de premio á deportividade e ó xogo limpo deberase entregar unha memoria explicativa das actitudes de autoestima, cooperación, responsabilidade e tolerancia no deporte que o candidato mostrou durante a actividade levada a cabo no ano 2022.

•   Reportaxe fotográfica ou audiovisual dos atletas ou clubs participantes, en formato dixital.

A listaxe das candidaturas publicarase cando remate o prazo de solicitudes e  os vencedores de cada categoría daranse a coñecer na “Gala do Deporte monfortino” que se celebrará nunha data aínda por determinar.

       En cada unha das categorías haberá un único vencedor que recibirá un trofeo acreditativo.

       Os participantes non premiados recibirán un agasallo conmemorativo  do concurso.

Bases Concurso Premios do Deporte 2022