Monforte de Lemos, 16 de agosto de 2023. O Concello de Monforte foi informado polo inspector xefe da Policía Nacional da nosa cidade, que se produciu unha agresión sexual na madrugada do martes día 15 de dous mozos a dúas mozas (un deles maior de idade e o outro menor, sendo menores as dúas mozas agredidas), no entorno da Gardería Municipal. E que as dúas mulleres foron atendidas no Hospital Comarcal.
Polo que respecta ós dous homes, que estaban detidos á espera de rematar as dilixencias para podelos poñer a disposición xudicial.
Dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte e no nome de toda a Corporación, manifestamos a nosa máis enérxica repulsa e condena por estes feitos tan lamentables, producíndose durante a celebración das Festas Patronais que están discorrendo con total normalidade e coa presencia e participación de milleiros de persoas que abarrotan todas as actividades e concertos, o que nos convirte nun referente do interior de Galicia.
Dende o Concello, queremos agradecer expresamente o traballo e a rapidez coa que actuou a Policía Nacional para resolver e deter ós presuntos responsables.
O pobo de Monforte rexeita taxantemente calquera tipo de agresión e moi especialmente si se trata de agresións sexuais a mulleres.
En Monforte non cabe ningún tipo de comportamento machista nin delitos contra a integridade e a liberdade sexual das mulleres, especialmente si son cometidos con menores de idade.
O Concello ponse a disposición das familias para axudar a superar este momento tan difícil, prestando se fose necesario, apoio legal, psicolóxico ou de outro tipo que precisen.
Finalmente, dicir que, na próxima Xunta de Goberno que se celebrará o vindeiro luns día 21 de agosto ás 9:00 h., tomaremos o acordo de personarse o Concello como acusación particular, para que caia sobre os presuntos culpables, todo o peso da lei.