Monforte de Lemos, 11 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio das obras de mellora do firme doutra das rúas incluídas no plan desenvolto polo Equipo de Goberno para rúas de titularidade municipal, en concreto, trátase do Camiño lateral ó Museo do Ferrocarril .
As actuacións enmárcanse dentro do proxecto de obras de mellora en 13 vías de urbanas e rurais que deu a coñecer hai unhas semanas o Alcalde, e que contan cun investimento total próximo ós 300.000€ (297.800,63 €.).
José Tomé Roca, destaca que “iniciamos así neste novo mandato o desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato, e non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.
“Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a desenvolver actuacións para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai 8 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.
Mellora Camiño lateral ó Museo do Ferrocarril
Esta vía presentaba un firme que aconsellaba unha actuación completa de renovación do mesmo, sendo necesario proceder ao fresado dos entronques iniciais e finais da vía, previamente á colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente.
Así, procedeuse ao fresado do firme, ao barrido do firme nas zonas afectadas por medios mecánicos, e o asfaltado do firme estase a facer dende hoxe con aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor. Posteriormente, realizarase o recalce das tapas de rexistro en calzada en dado de formigón.
Trátase polo tanto dunha renovación completa do pavimento deste Camiño, nun total de 367 metros lineais, e conta cun orzamento de 23.831,89 €.
O rexedor monfortino resalta que “isto supón a continuidade do desenvolvemento dun ambicioso programa de melloras de infraestruturas urbanas e da rede viaria da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que veño de renovar tras o respaldo acadado nas recentes eleccións municipais, e no que non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos.”