Monforte de Lemos, 2 de febreiro de 2023. O Concello de Monforte de Lemos ven de convocar o IX Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais, actividade que se realizará dentro do programa de actos da XIX Feira Medieval de Monforte do ano 2023. O concurso desenvolverase dende hoxe día 2 ó 16 de febreiro de 2023.
O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que, tras abrir o prazo para que se poidan inscribir os postos de alimentación, artesanía e comercio, “prodúcese unha nova convocatoria coa que queremos animar ós monfortinos e monfortinas a que participen activamente na Feira Medieval, como fixeron sempre, coa confección dos seus traxes medievais, para o cal poderán participar no concurso de axudas, que convocamos a través das radios locais, dende hoxe día 2 ata o 16 de febreiro”.
Polo tanto, o obxectivo deste concurso é aumentar a participación da veciñanza nos diferentes actos da XIX Feira Medieval que terá lugar os días 8 e 9 de abril de 2023.
Concurso radiofónico
Os veciños e as veciñas interesados en participar neste concurso de axudas para a confección de traxes medievais deberán chamar ata o 16 de febreiro de 2023 ás emisoras Radio Principal Monforte Cadena Ser e Onda Cero Monforte, durante o espazo destinado á súa programación local de luns a venres e contestar a unha pregunta referida a Monforte formulada pola locutora.
O número máximo de persoas participantes será de 60 e non poderán participar aquelas que xa recibiran a axuda nos concursos de confección de traxes medievais dos últimos tres anos.
Instrucións a seguir polos ganadores do concurso
As radios colaboradoras emitirán unha lista o 17 de febreiro das persoas que acertasen as preguntas co seu nome e teléfono de contacto, estas persoas deberán pasar polo Concello, entre o 21 de febreiro e o 1 de marzo, para realizar unha solicitude formal no Rexistro municipal, para que sexan subvencionadas cunha cantidade máxima de 50 euros por persoa. Esta subvención deberá ser empregada na confección e elaboración dun traxe medieval que se lucirá nos actos da Feira Medieval os días 8 e 9 de abril de 2023.
Unha vez sexa emitido o informe polo Departamento de Cultura, no que se poña de manifesto que os solicitantes coincidan coas persoas que acertaron a pregunta no programa de radio e que non houberan participado en concursos anteriores (últimos 3 anos), comprobarase que ditos gañadores se atopen ó corrente de obrigas tributarias co Concello de Monforte, e ditarase unha resolución acordando conceder a condición de beneficiarios ós que cumpran os requisitos, unha vez verificado que non exista impedimento legal para recibir a subvención.
Os beneficiarios da axuda, terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 8 e 9 de abril presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España.
Tras a celebración da Feira Medieval, os beneficiarios da subvención, entre o 10 e o 17 de abril, deberán presentar ó seu nome no rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde realizou o seu traxe, polo importe concedido como mínimo, no que conste o pago e o concepto.
Unha vez comprobado que a factura reúne todos os requisitos legais e que os beneficiarios participaron na XIX Feira Medieval, o concello emitirá unha resolución recoñecendo a obriga a favor dos beneficiarios e procederá ao pago das axudas.
Os participantes neste concurso non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais convocado polo Concello.
Establecementos colaboradores co concurso
As tendas colaboradoras co Concello de Monforte no concurso de axudas para traxes medievais son:
- TEXIDOS PHILDAR –rúa Doutor Casares nº 12.
- RETALES MERCE – rúa Doutor Teijeiro 38.
- COSER COSIENDO – rúa Calvo Sotelo 7.
- NITA VEIGA – rúa do Cardeal 6 –só adquisición de teas.
- TERESA LAMELA COSTURA – rúa Doutor Casares 66.
- GNOMOS – rúa Hermida Balado 10.
Para calquera cuestión ou aclaración adicional poderán dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n,. Teléfono 982402501)
Tal e como declarou José Tomé, Alcalde de Monforte, “A Feira Medieval de Monforte é un dos eventos mais importantes da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”, concluíu o rexedor monfortino.