Monforte de Lemos, 28 de xullo de 2023. O Concello de Monforte acollerá mañá sábado 29 de xullo, a celebración do ciclo musical denominado Monforte Fusión, que o pasado ano foi unha actividade novidosa dentro do programa do Verán Cultural do Concello e que este ano alcanza a súa segunda edición, dado o éxito colleitado.
O ciclo, organizado polo Equipo de Goberno e que conta co apoio do Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, suporá a celebración de dúas actuacións musicais na Praza de España, a partir das 21:30 horas.
Todas as actuacións serán con entrada gratuíta e dirixidas a todos os públicos.
Programa de actuacións
21:30 h.- Praza de España: Cherry Sweet: As integrantes desta banda unirán música de todos os tempos co estilo divertido e elegante do swing dos anos cincuenta. É unha banda formada por tres vocalistas cuxos arranxos vocais están dirixidos pola extraordinaria Sabela Cereijo.
23:30 h.- Praza de España: Kin García Quintet con Antía Muíño: A obra de Marcial de Adalid convértese no fío condutor desta andaina musical na que se inclúen as melodías tradicionais do cancioneiro “Cantares Viejos y Nuevos de Galicia” editado no ano 1877. Mestura as melodías más sinxelas da música de raíz co jazz. Como solista para este proxecto, unha das grandes voces da música galega, Antía Muíño.