O Goberno municipal pon en marcha a recollida da materia orgánica no Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 21 de decembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Losada, deu a coñecer hoxe mediante rolda de prensa a evolución do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte, que o Equipo de Goberno puxo en marcha hai uns meses nas zonas rurais, e que agora ten continuidade no eido urbano.

José Tomé explicou que o desenvolvemento deste plan está fundamentado na Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo, aprobada o 30 de maio de 2018, pola que, “en relación cos chamados “Biorresiduos” ou “Residuos Urbanos”, establece que os Estados membros garantirán, como moi tarde o 31 de decembro de 2023 que devanditos biorresiduos ou ben se separen e reciclen en orixe, ou ben se recollan de forma separada e non se mesturen con outro tipo de residuos”.

Esta directiva europea, ten a súa transposición en España a través da Ley 7/2022 de residuos y suelos contaminados, vixente desde o 9 de abril de 2022, e tamén foi desenvolvida pola Xunta de Galicia a través da Lei 6/2021 de febreiro, de residuos e chans contaminados de Galicia.

En base á Directiva Europea, o Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte que ideou o Executivo de José Tomé, tal e como explicou a Tenente de Alcalde, “conta con dúas liñas de actuación, unha que achega unha solución para a zona urbana e outra, que contemplou un servizo para todas as vivendas que con parcelas e hortas, tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias do noso Concello”. É dicir, “dende o Concello de Monforte, facilitamos a todos os nosos veciños os servizos e os medios necesarios para que poidan separar adecuadamente os residuos orgánicos que xeran nos seus fogares.”

O Plan engloba a todos os veciños censados na cidade e a grandes produtores, como son supermercados, restaurantes, centros de saúde, residencias, o Hospital Comarcal ou outros organismos que xeren grandes cantidades deste tipo de residuos orgánicos.

 

Fomento da compostaxe individual na zona rural

Actualmente, este Plan está implantado na súa totalidade no eido rural, “no que repartimos todos os composteiros que ofertamos, 253 unidades co seu correspondente folleto informativo e co cubo de 40 litros para a recollida dos residuos orgánicos en cada casa”, explicou o Alcalde.

O custe dos 253 composteiros asignados a esta campaña foi  de 26.327,18€.

Recollida de biorresiduos na zona urbana

-Na zona urbana, a recollida faise a través de 3 tipos de actuacións:

  1. Recollida no eido urbano, con cubos marróns, moi similar á que actualmente facemos a través do sistema de cubeo.
  2. Recollida na zona periurbana, a través de colectores con pechadura, para o cal será necesario solicitar unha chave, como a continuación explicarei.
  3. Recollida a grandes produtores, como dixen antes, centros de saúde, residencias, supermercados e locais hostalería, tamén con contedores de diferentes tamaños.

Para levar a cabo a recollida dos residuos orgánicos, o Concello adquiriu un vehículo específico destinado unicamente para este fin. Trátase dun camión recolector dotado dunha gran maniobrabilidade, de reducidas dimensións, tanto en lonxitude como en anchura e cunha elevada carga útil, que lle permiten realizar servizo en zonas urbanas con rúas de acceso moi difícil ou imposible para outros vehículos recolectores.

Este vehículo está dotado cun elevador polivalente de contedores, pode recoller desde cubos de 90 litros ata contedores 1.100 litros de capacidade tanto con tapa plana como curva. O seu custe foi de 167.827€.

Tamén foi adquirida unha trituradora para restos vexetais, que permitirá converter en astillas os restos de podas, obtendo así un produto de biomasa sostible cun enorme beneficio para o Medio Ambiente. O investimento para esta trituradora foi de 29.766€.

 

Recollida en zonas periurbanas

Na zona periurbana da cidade, concretamente en 19 puntos, o Concello instalou inicialmente 22 contedores de carga traseira de 360 litros con pechadura, é dicir, ábrense cunha chave, para evitar cheiros ou que animais poidan acceder ós restos depositados.

Son contedores destinados a cubrir as zonas ás que non chega o sistema de cubeo urbano. En total o Equipo de Goberno adquiriu con 66 contedores deste tipo, que se irán ubicando segundo as necesidades do servizo.

O custe destes 66 contedores de 360 litros das zonas periurbanas foi de 11.589,70€ e o custe das 2.750 chaves que son habilitadas para que os veciños os abran e fagan uso deles, é de 6.987,75€.

Os 19 puntos que contan con este contedor en zonas periurbanas ubícanse adxacentes ás illas de reciclaxe xa existentes e son:

DIRECCIÓN 

Rúa Reboredo, 156 (O Pozo)

Rúa Sober, 6 (A Pinguela)

Estrada de Sober, 69 

Rúa Incio

Camiño Real Seoane, 61

Rúa María Paz de Tor, 22C 

Rúa Chantada, 177 

Rúa Vigo, 25 (O Casar) 

Rúa As Cruces, 10 

Rúa Cobas, 42 

Rúa Rioseco, 6 

Rúa Juan Montes, 42D 

Rúa Juan Montes, 84 

Rúa Luís Moure Mariño, 19

Estrada de Currelos, 64 

Rúa Santa Clara, 109B

Ronda de María Emilia Casas Baamonde

Rúa Morín, 312

LU-546, 50 (Morín)

 

Para poder utilizar estes contedores das zonas periurbanas, os veciños teñen que solicitar unha chave ben a través dun formulado na páxina principal da web do Concello, nas carpas informativas desta campaña, ou no propio Concello, sendo requisito indispensable estar censado en Monforte, xa que este é un servizo para os monfortinos e monfortinas.

Terán que proporcionar os seus datos completos para tal fin, especificando a dirección onde están censados, aspecto este que se comprobará antes de entregarlle o material correspondente, feito que se producirá no momento da solicitude.

Poderán pedir a chave e utilizar estes colectores todos os veciños de Monforte, co requisito de estar censados no Concello. Esta chave vailles permitir depositar a materia orgánica que recollan nos seus fogares a calquera hora do día e calquera día da semana nestes colectores habilitados.

A recollida destes colectores de zonas periurbanas levarase a cabo 3 veces por semana.

Os cubos actuais de lixo seguirán con recollida diaria, dende as 7 da tarde ata as 11 da noite.

 

Recollida en zonas urbanas

Nas zonas urbanas procederase a recoller os residuos orgánicos das vivendas, implementando un servizo adicional de colocación de cubos ó que actualmente existe, o do cubeo da fracción resto.

Os cubos para a recollida da materia orgánica, que serán de color marrón, colocaranse ó lado dos da fracción resto e recolleranse en días alternos.

Para elo, dende o Equipo de Goberno dividiuse a cidade en dúas zonas, de forma que a colocación dos colectores marróns realizarase en días alternos, cunha frecuencia de 3 días á semana en cada zona.

Para establecer estas dúas zonas de recollida, tomouse como referencia a avenida de Galicia e a rúa Chantada. Deste xeito, a Zona 1 engloba áreas da zona sur da cidade, como Casco Histórico e zona centro, rúa Ourense, Carude, Estrela, Molinos de Antero, Zapardiel, Corredoira, Campo de San Antonio, Paseo do Malecón, etc.

A Zona 2 vai dende estas dúas vías de comunicación, a avenida de Galicia e a rúa Chantada, cara ó noroeste, englobando o barrio da Estación, zona da Florida, o Morín, Rioseco, Juan Montes, Benito Vicetto, estrada de Quiroga, Malvarón, o Barrio do Hospital, Santa Clara, Calvo Sotelo, Valle de Lemos, etc.

A Zona 1 recóllese os luns, mércores e venres, mentres que a Zona 2 recóllese os martes, xoves e sábados. Si a demanda fose elevada, incrementarase o servizo, en función das necesidades.

Os colectores marróns serán colocados e retirados de cada zona o día que corresponda, cos mesmos horarios que o sistema de cubeo de fracción resto, pero co camión que especificamente temos designado para esta recollida, ó que aludín anteriormente.

Polo tanto, onde actualmente se colocan cubos negros, colocarase a maiores un cubo marrón, en días alternos, e en caso de ser necesario, como dicía antes, segundo evolucione o servizo e segundo a experiencia de uso que teñamos, se poderán colocar máis unidades.

A previsión inicial é colocar aproximadamente uns 265 contedores marróns cada día. Son cubos de 100 litros, e o Concello conta cun total de 660 unidades para esta parte do servizo, que teñen unha partida orzamentaria de 21.721,92€.

Todas aquelas persoas que non poidan descargar os seus residuos nestes contedores, terán o reforzo das zonas periurbanas, ”porque o noso obxectivo dende o Concello é dar as máximas facilidades posibles ós nosos veciños e veciñas para que poidan cumprir co Medio Ambiente” destacou o Alcalde.

Ós veciños interesados en participar neste programa, ademais da chave para poder facer uso dos contedores da zona periurbana, o Concello tamén lles proporcionará un folleto informativo coas claves para facer axeitadamente a separación deste tipo de residuos, e un caldeiro de 40 litros para que leven a cabo esa recollida nas súas casas, e o correspondente traslado dos residuos ata o contedor habilitado.

 

Para poder solicitar esta chave, o cubo de 40 litros e o folleto informativo, os interesados poden facelo de 4 formas:

  1. A través do formulario colgado na páxina web do Concello, colocado nun banner na portada principal, formulario que terán que cumplimentar cos seus datos completos.
  2. Poden acudir ó propio Concello, presencialmente, onde lles axudarán a cubrir dito formulario, e unha vez se comprobe que os seus datos son correctos, recibirán os materiais da campaña.
  3. Poden facelo tamén por teléfono, chamando ó 982 402 501 e especificando que solicitan participar neste programa, e unha vez validados os seus datos, poderán acudir ó Concello a recoller os materiais.
  4. Nas carpas informativas que se seguirán habilitando nas vindeiras semans para seguir informando desta campaña, xa que queremos que o maior número posible sexan coñecedores dela e participen na mesma.

Para esta campaña urbana, o Equipo de Goberno deseñou e imprimiu de 8.000 folletos informativos, dos cales serán enviados 5.000 ós fogares monfortinos mediante buzoneo, dentro dunha campaña de difusión  que foi iniciada hai uns meses e que terá continuidade neste vindeiro ano 2024.

O Concello adquiriu con 2.500 cubos-caldeiros de 40 litros destinados á recollida de biorresiduos nos ós fogares dos monfortinos e monfortinas, que teñen un custe de 13.461,25€.

 

Recollida a grandes produtores

Dende o Concello, “tamén falamos xa cos chamados “grandes produtores”, que son centros de saúde, residencias e locais de hostalería. En total, temos contabilizados inicialmente 43 grandes produtores, que poderán verse incrementados en función da demanda deste servizo” explicouo Alcalde.

Para eles, o Concello destinou contedores de diferentes tamaños, en función das necesidades que teñan, tanto espaciais como de volume de residuos xerados. Neste senso, cóntanse con 33 contedores 240 litros, cun custe de 2.691,28€, 64 unidades de 360 litros, cun custe de 6.737,28€ e 33 contedores de 800 litros, cun custe de 7.862,22€.

A recollida do residuo orgánico en grandes produtores farase 6 veces por semana, de forma coordinada coa recollida dos contedores da zona periurbana, en horario de 19:30 a 2 da mañá. Haberá unha recollida adicional os luns en quenda de mañá, para os residuos xerados o domingo na hostalería.

 

Vaciado do camión de residuos orgánicos

En canto ó vaciado do camión de recollida de biorresiduos orgánicos en planta de transferencia, José Tomé explicou que farase, “tal como indicou a Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) a este Concello, na planta de transferencia de San Cibrao das Viñas, en Ourense” e engadiu que “dende o Concello reclamámoslle á Xunta de Galicia que a Planta de Transferencia de Monforte de Lemos, estea operativa o antes posible, e en todo caso, dentro do ano 2024”.

 

Continuidade das campañas informativas

“Dende o Concello”, subliñou o Alcalde “imos seguir facendo diversas campañas de información e concienciación para a cidadanía, tal e como viñemos facendo nos últimos meses. Porque, a implantación e o uso axeitado deste novo contedor, somos conscientes que requiren informar de forma continuado sobre el ós nosos cidadáns, ademais de darlles todas as facilidades que veño de indicar para que poidan cumprir coa axeitada separación deste residuo orgánico”.

Neste senso, o Concello destina a estas campañas informativas e formativas, que inclúen anuncios na prensa escrita e dixital, campañas de cuñas en radio, accións de rúa coa ubicación carpas informativas situadas nas principais zonas da cidade, reparto de folletos informativos, incluíndo o envío ós fogares, e charlas formativas nos diferentes centros educativos da cidade, tanto para este ano 2023 como para todo o 2024, un total de 42.232,44€.

Ademais, a fin de comprobar si os residuos depositados no contedor marrón son os axeitados, levaranse a cabo, ó longo do ano 2024, en 50 puntos, 52 caracterizacións en cada un deles, é dicir 52 análises dos residuos depositados, é dicir, un total de 2.600 análises ó longo do ano, para ver a evolución da implantación deste contedor marrón. “Si os datos non son os agardados, seguiremos reforzando a formación do cidadán con novas campañas informativas e de concienciación” indicou o rexedor monfortino.

O Alcalde recordou que neste colector poden depositarse restos de froita e verdura, restos de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, restos de pan, restos de café e infusións, papel de cociña, restos de plantas, tapóns de cortiza, etc.

E que non pode depositarse, comida envasada, cueiros, compresas, bastonciños de algodón, cabichas e paquetes de tabaco, cápsulas de café, roupa, papel de aluminio, plásticos e envases, cabelos, etc.

“Desde o Equipo de Gobierno deste Concello de Monforte, apostamos decididamente pola conservación do Medio Ambiente e por dar a coñecer ós nosos veciños e veciñas as claves para xestionar adecuadamente os residuos que xeramos nos nosos fogares”, salientou José Tomé. “A nosa pretensión é reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa de lixo”.

Este Plan e a campaña informativa de concienciación e información que engádese ós que xa ten posto en marcha dende hai anos o Concello de Monforte en relación coa reciclaxe de envases de plástico, papel e cartón, pilas, aceites ou roupa usada, todos eles co obxectivo común de contribuír a reciclar máis e de forma máis axeitada, para mellorar o noso Medio Ambiente, para mellorar a calidade de vida de todos nós.

“Como ven, apostamos decididamente por mellorar a saúde ambiental da nosa cidade, poñendo á disposición dos nosos cidadáns todos os medios que están ó noso alcance. Pero igualmente, sen a colaboración e sen a implicación, dos nosos veciños e veciñas, isto non sería posible. Por iso, animamos ós monfortinos e monfortinas a que participen nestas campañas, e nomeadamente a que estamos desenvolvendo en relación o colector marrón” concluíu o Alcalde.

 

Custes do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte

Este Plan de Xestión da Materia Orgánica de Monforte, conta cun orzamento inicial de 337.000 euros (337.194,02€), dos cales máis de 81.000€ (81.568,85€) están destinados á zona rural e máis de 255.000€ (255.625,17€) ás zonas urbana e periurbana.

A eles hai que engadir os gastos derivados do uso do camión de recollida (mantemento, combustible) e do persoal destinado a este novo servizo, que superarán os 100.000 €.

O desglose-resumo do orzamento é o seguinte:

UDS.

CONCEPTO

TOTAL CON IVE

1

VEHÍCULO RECOLECTOR 7 M3

167.827,00 €

660

CUBO MARRÓN 100 L RECOLLIDA URBANA CUBEO

21.721,92 €

66

COLECTOR 360 L CON PECHADURA ÁREAS PERIURBANAS

11.579,70 €

2750

CHAVES APERTURA COLECTOR ÁREAS PERIURBANAS

6.987,75 €

33

COLECTOR 240 L MARRÓN GRANDES PRODUTORES

2.691,28 €

64

COLECTOR 360 L MARRÓN GRANDES PRODUTORES

6.737,28 €

33

COLECTOR 800 L MARRÓN GRANDES PRODUTORES

7.862,22 €

1

CAMPAÑAS DE CONCIACIACIÓN, ACTUACIÓNS DE FORMACION, DIFUSIÓN E SEGUIMENTO

42.232,44€

1

TRITURADORA DE RESTOS VEXETAIS

29.766,00 €

253

COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS

26.327,18 €

2500

CALDEIROS DOMESTICOS PARA RECOLLIDA BIORRESIDUOS

13.461,25 €

 

TOTAL CON IVE

337.194,02€