O Equipo de Goberno mellorará os servizos e a accesibilidade da nave municipal da rúa Duquesa de Alba de Monforte

Monforte de Lemos, 29 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello ven de publicar na Plataforma de Contratación a licitación para a mellora de accesibilidade e acondicionamento da nave, propiedade do Concello, que está situada no número 13 da rúa Duquesa de Alba.

Esta edificación alberga distintos servizos e locais da administración municipal. En concreto, nela sitúanse os locais do persoal da Brigadas de Obras, Parques e Xardíns (Medio Ambiente) e dos Técnicos Electricistas, así como a oficina e almacén de Protección Civil do Concello. Esta planta baixa está actualmente dotada de diversos almacéns que albergan todo tipo de material das distintas Brigadas, así como aseos, unha oficina e un aparcamento para vehículos municipais.

 

Actuacións que mellorarán a accesibilidade e os servizos da nave

“Esta actuación ten por obxectivo”, sinala o Alcalde, “mellorar e adaptar estas instalacións da nave da rúa Duquesa, que estaban obsoletas, e que son utilizadas polo persoal municipal das distintas brigadas de obras e servizos, para que poidan contar cunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades, á vez que se aumenta a seguridade de uso desta edificación”.

Así, a obra consistirá na mellora das dependencias da actual planta baixa, isto é os aseos, a oficina e os diversos almacéns utilizados polas Brigadas municipais.

Polo que respecta á planta alta da nave, levarase a cabo a construción duns novos vestiarios e aseos, adaptados e accesibles, e se mellorarán tamén os almacéns existentes.

Ademais, para acceder á planta alta, instalarase un novo ascensor accesible, cunha cabina de 1,40 x 1,10 m., e construirase tamén unha escaleira de acceso a esta planta alta, dotada dunha varanda de seguridade. Todos estes elementos cumprirán os requisitos establecidos pola normativa de aplicación en materia de seguridade e accesibilidade”.

 

Prazos e orzamento

O prazo de presentación de ofertas para aquelas empresas que estea interesadas en levar a cabo estas actuacións de mellora permanecerá aberto ata o ata o 24 de outubro de 2023. As mesas de contratación terán lugar o día 30 de outubro, a mesa administrativa,  e o 6 de novembro a mesa para apertura da oferta económica.

Unha vez sexa adxudicada a obra, o prazo de execución da mesma será de 4 meses. O orzamento que destina o Equipo de Goberno para esta actuación é de 90.000,02€, IVE engadido.

 

Criterios de adxudicación

Para a avaliación das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa atenderase a varios criterios obxectivos de adxudicación, directamente vinculados coa prestación obxecto do contrato.

  • Oferta económica: 40 puntos.
  • Memoria técnica: 40 puntos.
  • Ampliación do prazo de garantía: 10 puntos.
  • Melloras de execución: 10 puntos.