Este domingo teatro para público infantil e familiar no Multiusos de Monforte con The show moscón, da compañía Galitoon

Monforte de Lemos, 29 de novembro de 2023. O teatro continúa esta fin de semana en Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.

Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este domingo 2 de decembro ás 6 da tarde (18 h) no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra The show moscón de Galitoon, obra composta e dirixida por Francisco Casteleiro e coa interpretación de Lucía Aibar e Chisco Casteleiro.

É unha obra dirixida a público infantil e familiar, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

The Show Moscón é un circo ambulante de “varietés”, presentado por un moscón gordo e rollizo. Un marabilloso circo, representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os seus diferentes números. Nace como homenaxe ás diferentes escolas e técnicas de manipulación, aprendidas ó longo destes anos e utilizadas nos seus distintos traballos de teatro e televisión, así como, a través da inspiración do traballo doutras compañías de teatro e circo como: Hugo & Ines, GaiaTeatro, Cia El retrete de Dorian Grey, Jordi Bertran Company o Mago Lioz Shem.

Dentro do armario, poderemos desfrutar de verdadeiras divas da canción, absurdos números musicais, espeluznantes magos e mentalistas, incribles bebés equilibristas, marabillosos números de danza e un sen fin de humor.

 

A seguinte obra programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, dirixida para todos os públicos, será A cegueira de Cupido de Viraventos-Monforte que terá lugar o sábado 16 de decembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ás 20:00 h, sendo a entrada gratuíta. Esta peza está dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo.