Monforte de Lemos, 16 de xaneiro de 2023. O Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, presenta a programación de teatro da Rede Galega de Teatros e Auditorios para o primeiro semestre do ano 2023. As representacións teatrais desenvolveranse dende o 26 de xaneiro ó 4 de maio.
A carteleira está conformada por un total de 6 postas en escena destinadas na súa maioría ó público adulto. Tamén se ten en conta o público infantil que terá a súa propia oferta cultural.
O Alcalde, José Tomé Roca, “anima ós monfortinos e monfortinas a participar na programación de teatro do Concello de Monforte para o primeiro semestre deste ano, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.
Funcións do 26 de xaneiro ó 7 de maio
A programación iniciarase o 26 de xaneiro coa obra Smoke on the water, espectáculo para público adulto, con música en directo, que mestura o humor negro coa crítica social a cargo do grupo Ibuprofeno Teatro.
No mes de febreiro, o día 16, a compañía Fulano, Mengano e Citano traerá a escena a produción A louca historia de Galicia, un percorrido en clave de humor a través da nosa historia, que destaca os acontecementos que fixeron de nós o que somos hoxe.
Olivas negras representará Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva o día 9 de marzo, un espectáculo sorprendente e honesto en clave cómica cunha historia de auto superación e empoderamento feminino.
Culturactiva, actuará o 20 de abril para pór en escena Conexión pinguín, unha comedia que quere falar da incomunicación entre os seres humanos.
O 4 de maio, a compañía Redrum teatro pechará o ciclo de representación para adultos do primeiro semestre do ano, coa obra Un home con lentes de pasta, comedia negra que versa sobre as relacións humanas.
Non debemos esquecernos do público infantil, que terá o 7 de maio unha representación específica para eles, titulada O lobo e a lúa a cargo da compañía Baobab Teatro, unha historia de amizade, de superación dos propios medos e de amor, pensada para público familiar a partir de 3 anos.
Todas as obras mencionadas poñeranse en escena no Edificio Multiusos do Concello de Monforte, en horario de tarde, ás 20:15 h agás a representación do 7 de maio para público infantil que terá lugar ás 18:00 h. A entrada xeral será dun importe de 5 € pero tamén haberá entradas bonificadas para nenos, estudantes, desempregados e xubilados a un importe de 3 €.
A Concellería de Cultura incidiu no compromiso que mantén o Concello de Monforte de brindarlle á veciñanza unha oferta cultural de calidade coa difusión de espectáculos variados e para tódolos públicos entre os que se atopa a programación teatral para este primeiro semestre de 2023.