O Concello de Monforte súmase mañá sábado día 4 de febreiro os actos conmemorativos do Día Mundial contra o Cancro.
Para elo, como xesto simbólico e en sinal de apoio ás persoas afectadas pola enfermidade do cancro, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou que na noite do sábado 4 de febreiro procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor verde.
A maiores, a Tenente de Alcalde Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada Fernández, participaron no acto organizado pola Asociación Española contra o Cancro en Monforte este venres para involucrar á sociedade na visibilización da enfermidade.
Cada ano, o 4 de febreiro celébrase o Día Mundial contra o Cancro como recordatorio do compromiso de toda a sociedade na loita contra esta enfermidade.
Baixo o lema da campaña deste ano “Non podes elixir entre mamá ou papá. O cancro si.”, o obxectivo da Asociación Española contra o Cancro (AECC) é crear un movemento social para involucrar a persoas, empresas e institucións na loita contra o cancro. A campaña foi declarada polo Goberno de España Acontecemento de excepcional interese público (AEIP).
Neste senso, o Alcalde sinala que “dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de verde a Torre da Homenaxe, pois o cancro é unha enfermidade que desgraciadamente está moi estendida na nosa sociedade”.
O cancro pódese considerar como o problema sanitario, social e económico máis importante que ten a nosa sociedade, unha das principais causas de mortalidade no mundo e segue a ser necesario continuar cos proxectos de investigación sobre a enfermidade.
Por esta razón, o Concello de Monforte sumarase ó chamamento da Asociación Española contra o Cancro (AECC), asociación que dispón dunha serie de servizos e programas para a atención integral das persoas con cancro e ademais de iluminar a Torre da Homenaxe de cor verde, o Alcalde anima á cidadanía a colaborar coa Asociación dando visibilidade á enfermidade compartindo nas redes sociais un texto conforma se apoia á iniciativa #TodosContraElCáncer.